A CIG mobilizarase este xoves para exixir garantías no emprego e a reindustrialización das Pontes

A central convoca concentración diante da Xunta en Ferrol, ás 19 horas

Ferrol -

Ante a falta de solucións que revertan a situación límite na que se está a localidade, a CIG continúa coas mobilizacións para exixir garantías para o emprego e a reindustrialización nas Pontes. Nesta ocasión, a central sindical convoca unha concentración en Ferrol para o vindeiro xoves, 14 de marzo, ás 19:00 horas, diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, para demandarlle ao Goberno galego que, de inmediato, reúna a mesa para o impulso da actividade económica das Pontes que está paralizada dende novembro pasado.

Así o anunciaron esta mañá o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, e o responsábel da CIG das Pontes, Óscar Maseda, quen salientaron a plena vixencia das reivindicacións que levaron a central nacionalista a convocar folga xeral na localidade o pasado 23 de novembro en demanda dunha transición verdadeiramente xusta.

"É necesario e urxe que se reúna esta mesa porque os acontecementos nas Pontes estanse precipitando polo lado negativo: pérdese emprego, pérdese de poboación, péchanse comercios, etc. Economica e socialmente As Pontes está en caída libre", denunciou Grandal.

Aínda que neste foro están presentes todas as partes implicadas (administración galega, goberno estatal, Concello, sindicatos, asociacións empresariais e Endesa) correspóndelle á Xunta de Galiza realizar a convocatoria. "Por iso este xoves nos mobilizaremos diante da Xunta en Ferrol e por iso rexistraremos novamente unha solicitude para que reúna a mesa".

Grandal lanzou un chamado a toda a cidadanía da comarca a apoiar as mobilizacións "porque sen industria non hai futuro". O secretario da CIG de Ferrol criticou que Endesa está a executar o seu plan coa pasiva colaboración das administracións, malia incumprir os acordos anunciados para a continuidade dos postos de traballo das auxiliares entre o peche e o predesmantelamento.

Precisamente, esta mesa ten como obxectivo dar solucións á situación deste colectivo laboral, avanzar no cronograma do desmantelamento e na concreción e posta en marcha dos proxectos industriais anunciados.

Grandal demandou tamén garantías de incorporación nos proxectos industriais que se materialicen para os traballadores e as traballadoras despedidas polo ERE de Einsa, así como a posta en marcha urxente dun plan industrial de choque, con financiamento das administracións autonómica e estatal e coa participación sindical na súa xestión. "A localidade está nunha situación de incerteza. Non chega con facer anuncios, precisamos proxectos concretos", aseverou.

Situación límite

Nesta liña, Óscar Maseda incidiu en que As Pontes se atopa "nunha situación límite a nivel industrial, de emprego e no social; pero non hai unha resposta por parte da Xunta de Galiza (que ten as competencias en materia industrial) para a concreción dos proxectos que se anuncian nin para dar continuidade no emprego".

Maseda explicou que a propia Endesa informou ao comité que os traballos de pre-desmantelamento se prologarán un mes máis, pero sen achegar garantías de emprego ao 100% das auxiliares.

Neste contexto "cómpre priorizar a posta en marcha dun plan industrial propio que garanta o futuro económico, a creación de emprego e o asentamento de empresas na nosa localidade e un compromiso das administracións para a dotación urxente de chan industrial para posibilitar a posta en marcha de novos proxectos". O responsábel da CIG nas Pontes reclamou así mesmo coordinación nos procedementos administrativos para axilizar a súa implantación.

Maseda rematou a súa intervención chamando a seguir na mobilización e a utilizar "todas as ferramentas precisas para que a transición xusta sexa unha realidade. Porque As Pontes estase convertendo na zona cero da desertización industrial do país".

Volver