A CIG continúa coas mobilizacións para exixir garantías de emprego e reindustrialización para As Pontes

Ferrol -

Ante a falta de solucións que revertan a situación límite na que se está a localidade, a CIG continúa coas mobilizacións para exixir garantías para o emprego e a reindustrialización nas Pontes. Nesta ocasión, a central sindical convoca unha concentración en Ferrol para o vindeiro xoves, 14 de marzo, ás 19:00 horas, diante do edificio administrativo da Xunta, para demandarlle que, de inmediato, reúna a mesa para o impulso da actividade económica.

As reivindicacións para unha verdadeira transición xusta nas Pontes que levaron a CIG a convocar folga xeral na vila o pasado 23 de novembro, teñen toda a súa vixencia ante as nulas respostas e actuacións dos Gobernos galego, español e do Concello das Pontes, mentres Endesa executa o seu plan coa pasiva colaboración das administracións.

Non se están cumprindo coa continuidade dos postos de traballo das auxiliares entre o peche e o predesmantelamento anunciado no marco da Mesa para o impulso da actividade económica das Pontes; e a Xunta segue sen atender as solicitudes de convocatoria da mesa para resolver esta situación, avanzar no cronograma do desmantelamento e na concreción e posta en marcha dos proxectos industriais anunciados.

Lonxe de materializarse alternativas de futuro, a día de hoxe hai 121 postos de traballo menos en Einsa, e sen garantías de ser recolocados nos proxectos que se anuncian a diario.

Tampouco existe a certeza de manter os 1.400MW de evacuación da Central Térmica no nó de  Transición Xusta das Pontes e a súa ligazón a proxectos industrias.  Diante disto, CIG esixe a inmediata convocatoria do concurso porque canto máis se tarde en facelo máis se estará impedindo unha transición xusta e unha reindustrialización que xere emprego nas comarcas afectadas, hoxe camiño da desertización social, económica e laboral.

Neste contexto, urxe que se cumpra coa reivindicación da creación dun plan industrial de choque, con financiamento das administracións autonómica e estatal e coa participación sindical na súa xestión, a través do que se garantan a creación de chan industrial, que dea garantías a reindustrialización das Pontes.

Cómpre pois, seguir na mobilización até que haxa solucións que garantan un futuro con emprego para As Pontes.

Volver