A CIG convoca unha protesta polo despido dunha traballadora no hospital do Salnés por reivindicar os seus dereitos

A concesionaria do servizo de cociña e cafetería, Arcasa, non cubre as baixas nin as reducións de xornada

O Salnés -

A CIG vén de convocar unha concentración diante do hospital do Salnés o vindeiro luns 28 ás 11:30 horas para esixir a readmisión dunha traballadora de Catering Arcasa, concesionaria do servizo de cociña e da cafetaría, que foi despedida por reivindicar os seus dereitos laborais. A empresa non cubre as baixas nin as reducións de xornada, sometendo ao seu persoal a unha sobrecarga de traballo “sobrenatural” e a uns ritmos de traballo “inasumíbeis”.

O anuncio foi feito hoxe en rolda de prensa por Anxo Lúa, da CIG-Salnés, que compareceu en rolda de prensa en Vilagarcía xunto á propia afectada. O responsábel sindical explicou que a empresa non está a cubrir as baixas por incapacidade temporal, nin as excedencias, nin as reducións de xornada para conciliar vida laboral e familiar, polo que na cociña traballan unicamente dúas persoas na actualidade, un/ha cociñeiro/a e un/ha axudante de cociña. “Teñen que cociñar, empratar e o axudante servir nas 80 habitacións que hai no hospital”. 

A concentración terá lugar este luns 29 diante do hospital do Salnés ás 11:30 horas

Segundo denuncia, isto requírelles un triplo esforzo, xa que teñen que realizar o traballo das dúas persoas que faltan. Como consecuencia, estanse a producir atrasos no servizo de comidas e incumprimentos dos pregos de condicións da cafetaría, que obrigan a ter dúas persoas axudantes, e só hai unha. Esta situación foi posta en coñecemento da dirección do hospital do Salnés a través a xunta de persoal e da delegada sindical da CIG, sen que teña feito nada ao respecto.

Lúa sinalou que tamén se están a producir incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais: as estante rías da cociña e ao falso teito atópanse en mal estado, os enchufes están rotos ou presentan deficiencias, ademais de atoparse cerca de puntos de auga, o vertedoiro está moi deteriorado, prodúcese sobreesforzo á hora de lavar a louza porque unha persoa soa non pode coas bandexas, etc.

Estas deficiencias fóronlle trasladadas ao Sergas no mes de xuño, sen que polo momento tivesen resposta por escrito. “A única resposta foi o despedimento dunha compañeira que se atopaba de baixa por graves problemas de saúde; cando en xuño se reincorpora atópase cunhas tarefas que lle supoñen un esforzo titánico, e cando se queixa a empresa opta por rescindirlle o contrato”.

Resposta sindical e xudicial

Lúa censurou a complicidade que ao seu xuízo existe entre a dirección da empresa e o Sergas para intentar tapar as reivindicacións dunhas condicións de traballo dignas. “O que fan é botar man da reforma laboral e argumentan unha baixa produtividade da traballadora. Non teñen en conta a sobrecarga de traballo que padece o persoal e o feito de que despois dunha baixa a persoa que se reincorpora tarda tempo en coller o ritmo”. 

A carga de traballo é sobrenatural e os ritmos de traballo inasumíbeis

Por iso sostén que se trata dun despido en represalia por defender unhas condicións laborais dignas, tanto para ela como para o resto do persoal. “Xa puxemos o caso en mans da asesoría xurídica para darlle unha resposta xudicial, pero tamén lle imos dar unha resposta sindical porque non podemos permitir que unha traballadora sexa despedida por esixir os seus dereitos”.

Ao mesmo tempo, criticou o feito de que dende hai dous meses están intentando contactar coa empresa para negociar o cuadrante laboral, “pero non contesta os correos da delegada, o que nos fai sospeitar que non pode negociar un cuadrante con estre número tan baixo de traballadores/as”.

A propia afectada tomou a palabra durante a rolda de prensa para asegurar que a carga de traballo é “sobrenatural” e que os ritmos de traballo son “inasumíbeis”. Recoñeceu que foi ela mesma quen pediu a alta médica “porque precisaba volver ao traballo”, pero a empresa non a recolocou no seu posto e optou por cargala de traballo. “O seguinte foi o meu despido aducindo que non rindo; non pode ser que non respecten nin teñan empatía coas persoas traballadoras; está ben que queiran gañar cartos, pero non todo vale”.

Volver