Folga indefinida na cociña dos hospitais de Vigo polo mantemento do emprego
O paro convocado polo comité de empresa dará comezo o xoves 18 de maio
Vigo -
O comité de empresa do servizo de cociña dos tres hospitais públicos de Vigo vén de anunciar a convocatoria dunha folga indefinida a partir do vindeiro xoves 18 de maio para reclamar o mantemento de todos os postos de traballo ante a posibilidade de que se produzan despidos co cambio de concesión. A representación do cadro de persoal desenvolveu este mércores unha nova mobilización ás portas do Álvaro Cunqueiro.
A decisión de convocar o paro indefinido foi adoptada pola maioría dos traballadores/as en asemblea a proposta do comité (7 delegados/as da CIG e 2 da UGT) e ten como obxectivo reivindicar o mantemento do emprego e a mellora da maquinaria das cociñas, “xa que nestes sete anos que leva en funcionamento o Cunqueiro cambiaron o chan da cociña tres veces, pero seguen sen arranxar as máquinas”, denuncian. Neste senso, lembran que quen ten a obriga de facelo é a concesionaria do hospital, que ten arrendado co Sergas os servizos de mantemento, limpeza, lencería e cociña, que a súa vez están subcontratadas por empresas privadas.
As traballadoras/es iniciaron o mes pasado un calendario de mobilizacións -que continuou onte cunha concentración diante do Cunqueiro- nada máis coñecer que a concesionaria recoñeceu que serían necesarios entre 10 e 14 despidos na cociña para que este fose rendíbel para a empresas, polo que o persoal teme que estas rescisións de contrato se produzan co cambio de compañía unha vez saia a concurso o servizo.
Servizos mínimos abusivos
Unha vez presentada a convocatoria de folga o Sergas citou o comité de folga a unha reunión para determinar os servizos mínimos, xuntanza á que tamén asistiron a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, e o secretario comarcal da federación en Vigo, Alfredo Filgueiras. Dende a central sindical censuran que o Sergas presentase uns servizos mínimos abusivos, que inclúen o 100% do cadro de persoal, “polo que é imposíbel realizar a folga, vulnerando así un exercicio fundamental e constitucional”.
Na reunión a CIG trasladou que o paro só se desconvocará se se garante por escrito que non se van facer despidos por parte da concesionaria e da empresa Arcasa, que xestiona o servizo de cociña. E no que se garanta que se van actualizar as ferramentas de traballo e a maquinaria, “porque o servizo de quentamento dos alimentos non funciona axeitadamente, facendo que a comida pareza de mala calidade e con sabores que non son os adecuados”. Tamén se lles trasladou que a falta de persoal e o exceso de traballo está a provocar un aumento das baixas por motivos ergonómicos e de estrés.
A concesionaria e a empresa convocaron unha reunión o vindeiro martes 16 de maio, á que asistirá o comité de folga e a representación da CIG.