A CIG-Saúde denuncia os intentos de privatizar cociña, lavandaría e mantemento do hospital pontevedrés Montecelo

Na central acusan a Xerencia da área sanitaria de Pontevedra de “estar desaparecida” mentres se seguen a dar pasos para deteriorar estes servizos

Pontevedra -

A CIG-Saúde de Pontevedra denuncia a situación na que se atopan os servizos de cociña, lavandaría e mantemento do hospital Montecelo e os intentos de privatización por parte do Sergas, ao tempo que acusa a Xerencia da área sanitaria de “estar desaparecida” mentres se seguen a dar pasos para deteriorar estes servizos.

Dende a central explican que “xa saltaron as alertas nas oposicións ordinarias de cociña, lavandaría e mantemento do ano 2020, nas que se sacaron moi poucas prazas para Pontevedra habendo moito persoal contratado nesas categorías, mentres a Xerencia afirmaba que o problema se arranxaría nos procesos de estabilización do ano 2022.” 

Nos procesos de estabilización non só non se ofertaron prazas, senón que se amortizaron

A CIG Saúde detectou que “neses procesos non só non se sacaron as prazas necesarias para o servizo de cociña, lavandaría e mantemento, senón que se amortizaron prazas”; isto supuxo que, por exemplo, no servizo de cociña se estean a dar contratos temporais mentres as persoas que colleron praza nos procesos selectivos teñen que ir a hospitais doutras áreas, deixando o servizo precarizado e sen case persoal fixo.

Por iso consideran que detrás desta estratexia agóchase un novo intento por privatizar estes servizos do hospital coincidindo coa posta en marcha do novo Gran Montecelo. De feito, lembran que a nova directora de Recursos Humanos da Área de Pontevedra, Luísa Sánchez Méndez, -que procede do hospital privado Povisa de Vigo- afirmou nunha xuntanza “que se poderían externalizar servizos que ela considera non sanitarios”. E no referido a tentar que persoas fixas ocupen prazas nestes servizos, negouse a valoralo e a facer ningún tipo de esforzo para solucionar a situación.

Consecuencias sobre a calidade dos servizos

Segundo a CIG, “a Xunta privatizou o servizo de cociña doutros hospitais como o Álvaro Cunqueiro de Vigo, regalando recursos públicos para unha empresa privada de catering, o que foi en prexuízo tanto das persoas traballadoras como de pacientes ingresados, que recibiron un peor servizo. “Isto contrasta cunha alimentación adecuada e especializada como a de Montecelo, recoñecida de xeito xeneralizado como excelente”.

Diante disto, na central levan dende a semana pasada tentando tratar a situación co xerente da Área Sanitaria de Pontevedra, cunha solicitude formal de reunión enriba da mesa, “mais foi imposíbel, xa que hai unha actitude consciente e deliberada da Xerencia de dar a calada por resposta mentres continúan os pasos cara a privatización destes servizos, pola vía da precariedade do persoal, sen a cobertura de prazas necesarias, para despois argumentar que os servizos funcionan mal e darlle a concesión a unha empresa amiga.”

Por todo isto, queren poñer a situación en coñecemento de todo o persoal do Hospital Montecelo, “porque non só están en risco estes servizos, xa que o resto do persoal que en dirección consideran non sanitario pode sufrir estas mesmas consecuencias”. Así mesmo tamén pretenden “poñer en alerta” a toda a poboación da área de Pontevedra e anuncian accións de protesta “para darlle a volta a esta situación”.

Volver