Xubiladas/os e pensionistas da CIG reclaman un sistema público galego de Servizos de Atención ás Persoas

Lanzan unha campaña de reparto de folletos informativos para desenmascarar “as mentiras de Rueda sobre a dependencia para buscar votos”

Nacional -

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG denuncia as mentiras de Rueda sobre a dependencia, “para buscar votos”, ante a inminencia das eleccións galegas. Por iso vén de lanzar unha campaña de reparto de folletos informativos para desenmascaralo e reclamar un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas. Anuncian ademais que se concentrarán o día 20 de novembro, ás 12:00 horas, diante do Parlamento, coincidindo co debate dos orzamentos para o ano 2024, para reclamar as partidas necesarias para atender á dependencia que o PP desatendeu nestes 14 anos á fronte do goberno da Xunta.

Repartos previstos

A Coruña:

  • 15 de novembro, ás 12:00 horas en Monte Alto
  • 22 de novembro, ás 12:00 horas, no Obelisco
  • 29 de novembro, ás 12:00 horas, na Cubela, zona do Corte Inglés

Cangas:

  • 17 de novembro

Ferrol:

  • 15 de novembro, ás 12:00 h, Edificio da Xunta de Galiza
  • 22 de novembro, ás 12:00 h,  INSS

Lugo:

  • 8 de novembro, a partir das 12:00 horas, polo centro

Narón

  • 29 de novembro: Centro de Saúde, ás 12:00h

Ourense:

  • 15 e 22 de novembro, na rúa do Paseo, de 11:30 a 13:30
  • 29 de novembro, na rúa Ervedelo, ao carón da cafetería Joma, de 11:30 a 13:30

Vigo:

  • 8 de novembro nas Travesas
  • 22 de novembro no Calvario

O colectivo de xubilados e xubiladas e pensionistas da CIG lembra que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou axudas económicas automáticas para persoas dependentes.  “Acórdase agora delas, a uns meses das eleccións e só para buscar votos”, denuncian, advertindo de que o que porén esqueceu explicar foi se estas axudas “van ter continuidade ou son só para 2024, ano das eleccións”.

Xunto a isto subliñan que, en todo caso, só se concederán ás persoas que teñen prestacións por coidado de fa miliares e de residencia quedando excluídas todas as persoas dependen tes que teñen solicitado o grao de dependencia e que aínda seguen agardando pola resolución.

100 millóns de euros

Estas axudas suporán, ademais un gasto de 100 millóns de euros en 2024. Unha cantidade que consideran que debería ser investida “en recursos públicos de atención á dependencia” no canto de ser axudas directas “concedidas sen ter en conta as condicións económicas de cada quen”.

O colectivo subliña ademais que as persoas que reciben coidfados familiares, maioritariamente mulleres, precisan dos recursos económicos necesarios para afrontar a responsabilidade deses coidados. “pero o PP afonda na visión machista de que os coidados teñen que prestalos as familias, as mulleres, en lugar de incrementar os orzamentos para que haxa unha rede de centros e recursos públicos de atención á dependencia”. Unha responsabilidade “que teñen que asumir as administracións públicas”, inciden.

Que fixo o PP nestes 14 anos de goberno?

O colectivo, afeando o anuncio propagandístico do presidente da Xunta, lembra que, fronte as “mentiras” de Rueda, a realidade é ben outra. Así, subliña que segundo o INSERSO, hai un tempo de espera de máis de un ano desde a solicitude de dependencia até que se ten a resolución e advirte que, en todo caso, “ter a resolución da prestación tampouco significa que sexa efectiva, senón que aínda se pode agardar máis tempo desde a resolución até que se ten a prestación. Nalgúns casos mesmo anos”.

De feito, apuntan que segue habendo máis de 2.500 persoas agardando por unha prestación, a maioría máis de 6 meses; que  maioría dos servizos teñen un copagamento, porque “as libranzas ou prestacións económicas, dificilmente chegan para cubrir nin o 50% do servizo ou a necesidade para a que se achega”.

Denuncian que na Galiza, o peso das prazas públicas é mínimo, tal e como confirman os datos: existen un total de 286 centros residenciais que teñen un total de 21.952 prazas. Porén, “só hai 71 residencias públicas, con 5.016 prazas mentres que hai 215 residencias privadas con 16.936 prazas.

Deste xeito, o total de prazas de residencias non acada máis que o 3,5% de persoas maiores de 65 anos, “o que queda moi lonxe do 5% que a OMS recomenda como mínimo”, afirman. “E isto nun país que ten máis dun cuarto da poboación maior de 65 anos”.

Respecto dos centros de día, hai un total de 237, máis 15 específicos para doentes de alzheimer, que suman un total de 9.698 prazas. “Nin sequera un centro de día por cada concello”, matizan. E hai concellos cunha poboación maior moi elevada que precisaría deste recurso. Ademais, dos 252  centros de día existentes, só 97 son públicos, cun total de 3.464 prazas, máis 370 para doentes de alzheimer, mentres que 140 son privados e contan con 5.703 prazas, máis 161 para doentes de alzheimer, o que confirma que o peso das prazas públicas, máis unha vez “é mínimo”.

Que propón o colectivo?

Diante desta situación, o colectivo de xubiladas/os e Pensionistas da CIG demanda uns orzamentos axeitados para a atención á dependencia que inclúan a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que xestione todos os recursos públicos, incluído o Servizo de Axuda no Fogar, para que as persoas dependentes poidan ter cubertas as súas necesidades en condicións dignas e de xustiza social.

Volver