O Imserso traslada a Bergondo a persoas usuarias do CAMF de Ferrol pola falta de persoal

O comité reclama a cobertura inmediata das ausencias e vacantes e melloras nas instalacións

Ferrol -

O CAMF de Ferrol padece un severo déficit de persoal dende hai anos pero no último mes chegouse a unha situación límite pola falta de profesionais de Enfermería. Ante as dificultades para garantir unha atención adecuada e mentres non se cubran as ausencias e vacantes, a Secretaría Xeral do Imserso (organismo estatal do que depende o centro ferrolá) decidiu trasladar ao CPAP de Bergondo as persoas usuarias que requiren dun maior coidado, cos trastornos que isto lles supón pois non cómpre esquecer que este centro é o seu fogar.

O número máximo de persoas a trasladar a Bergondo sería de 26 mais se fora necesario non se desbota desprazar a estas usuarias e usuarios a outros centros dependentes do Imserso. O comité de empresa, ao igual que a representación das persoas residentes na Xunta de Participación e a Asociación ACAMFE, levan anos denunciando a precaria situación do cadro de persoal do centro de Ferrol.

Neste momento, explica o comité, están sen cubrir varias vacantes de responsábeis de área, e "non está facendo ninguén esta función, co prexuízo que supón pola falta de organización que repercute na boa atención sociosanitaria". Tamén leva anos baleira a vacante de xefa/e de mantemento, "indispensábel para solucionar as incidencias na quenda de noite, festivos e fin de semana".

Ademais, en datas recentes, os servizos centrais do Imserso pretenderon implantar o proxecto de atención centrada na persoa, "ao mesmo tempo que se reducía persoal de atención directa ao/á residente, especialmente na quenda de noite".

Esta situación, alertan, está xerando serias dificultades para a atención das persoas que residen no centro e "se non empeora máis é grazas o esforzo que están realizando as traballadoras deste departamento a través de incrementos de xornada e a cancelación das súas vacacións e días de asuntos propios".

Demandan "das persoas responsábeis que comparezan no centro para falar con nós, coas persoas usuarias do centro, as súas familias e co persoal".

Máis de dous anos sen ingresos novos

Subliñan que hai máis de dous anos que non se produce ningún novo ingreso "polo que este centro non está servindo a finalidade coa que foi creado, que é, ser un recurso social a nivel nacional, para o coidado integral das persoas discapacitadas físicas".

As perspectivas na atención ás persoas usuarias no futuro inmediato non parecen doadas, tendo en conta a falta de persoal de Enfermería, e as deficiencias das propias instalacións. Denuncias que as obras de mellora que prometidas pola subdelegada do Goberno para o ano 2023, "non teñen nin data de comezo".

Tanto o comité de empresa como as persoas que representan as persoas residentes na Xunta de Participación levan anos incidindo ante o Imserso "na delicada situación na que se atopa a prestación dun servizo que entendemos que debería ser prioritario e que neste momento chega a unha situación límite e insólita".

Por todo reclaman do Imserso que de maneira urxente adopte medidas para corrixir as carencias de persoal e medios materiais e garantir un servizo de calidade dirixido a un dos sectores máis necesitados da nosa sociedade. Do contrario, xa avanzan que iniciarán as accións precisas para reverter esta situación.

Volver