Xubiladas e pensionistas da CIG reclaman a recuperación dos dereitos perdidos coas sucesivas reformas das pensións

Denuncian as dificultades económicas provocadas pola inflación e reclaman a revalorización das pensións co IPC real

Nacional -

As cidades galegas acolleron nesta xornada novas mobilizacións de xubiladas e pensionistas en demanda da revalorización das pensións conforme ao IPC acumulado a final de ano. O colectivo da CIG reclamou ademais a derrogación das sucesivas reformas do sistema público de pensións porque “non amplían dereitos, si amplían recortes”e exixiu a recuperación dos dereitos perdidos a consecuencia destas reformas.

Representantes do colectivo, que deron lectura a un manifesto ao remate das concentracións, fixeron especial fincapé nas últimas reformas, como a que entrou en vigor en xaneiro de 2021. A este respecto denunciaron que, fronte a afirmación do goberno central de que recuperaba a revalorización das pensións anualmente, de acordo ao IPC, “esa revalorización viña con truco” porque “a actualización que recolle a reforma faise con respecto ao IPC medio do ano, en lugar de ter en conta o IPC acumulado”, o que xa supuxo, en 2021, unha perda do 4% de poder adquisitivo.

Neste sentido subliñaron que o IPC en Galiza, ao final de 2022 era dun 6,7%, a inflación subxacente está no 7% e a suba dos prezos da alimentación chegou ao 16,2%. Por iso concluíron que a suba do 8,5%, que se corresponde co IPC medio, que o goberno aprobou “é claramente insuficiente”.

Canda isto manifestaron o seu rexeitamento á reforma que se vén de aprobar, entre outras cuestións, porque vai supor unha rebaixa das contías das pensións e ten como obxectivo favorecer os sistemas privados.

Nesta liña lembraron que xa en 2022 o goberno introduciu outra reforma que afonda na privatización das pensións coa aprobación dos chamados “Plans de Emprego de Pensións”, que serán xestionados por entidades financeiras ou aseguradoras que se crearán en cada sector a través da negociación colectiva.

Dificultades para afrontar a carestía da vida

Advertiron ademais do cada vez maior empobrecemento dos e das xubiladas e pensionistas en Galiza, coas segundas pensións máis baixas do Estado, que viron como coa carestía da vida, “temos cada día máis difícil afrontar os gastos dos produtos e servizos básicos para a vida diaria”.

Campaña pola atención presencial

En varias cidades o colectivo aproveitou para instalar mesas de recollida de sinaturas pola campaña que veñen desenvolvendo desde finais de febreiro en demanda de atención presencial. Sinaturas que está previsto que sexan entregadas na Valedora do Pobo o vindeiro 10 de maio.

Con este motivo teñen previsto instalar mesas o vindeiro xoves, día 20 de abril, en Vilagarcía e o 27 de abril en Marín.

Volver