Pensionistas da CIG convocan mobilizacións para o 14 de decembro en defensa das pensións públicas

Cuestionan con datos as mentiras que, de forma sistemática, se repiten sobre a súa viabilidade

Nacional -

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG anuncia a convocatoria de mobilizacións para o vindeiro día 14 de decembro nas sete cidades. O colectivo vén de pór en marcha unha campaña para desmontar as mentiras sobre o sistema público de pensións e avanza que “Goberne quen goberno, as pensións deféndense”.

No inicio dunha nova lexislatura no Estado español e en vésperas das eleccións galegas, entramos no terceiro ano da entrada en vigor da reforma das pensións que, segundo o goberno central, recuperaba a revalorización das pensións anualmente de acordo ao IPC.

Mais, como xa viña advertindo o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG, esa revalorización ten truco xa que se fai con respecto ao IPC medio do ano, en lugar de ter en conta o IPC acumulado. Denuncian que con este mecanismo de cálculo aumenta a perda de poder adquisitivo das nosas pensións e anuncian a convocatoria de concentracións nas cidades para o vindeiro día 14 de decembro.

MOBILIZACIÓNS

 ·        A Coruña- Casa do Mar, 12h

·        Ferrol- Oficina do INSS, 12h

·        Santiago- Praza do Toural, 11h

·        Lugo- Praza Maior, diante do Concello, 11.30h

·        Ourense- INSS, 11h

·        Pontevedra- Praza da Peregrina, 12h

·        Vigo- Farol de Urzaiz, 19h

 

 

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas denuncia que a carestía da vida continúa, mesmo con picos de aumento, co que “cada día é máis difícil afrontar consumos básicos para a nosa vida diaria”. Mais cando as pensións na Galiza son as segundas máis baixas do Estado despois de Estremadura, cun importe de 1.154,08, un 14% inferior a pensión media no estado de 1320,41€.

Lembran que recentemente tiveron coñecemento de que o Fondo das Pensións chegou a acadar un importe de 69.000 millóns de euros no ano 2012 e que “foi baleirado polo Goberno español até deixalo con apenas 2000 millóns en 2019”.

Gasto inferior á media da UE

En 2023 estímase un gasto en pensións no Estado español do 11,5% do PIB, un 0,9% menor que en 2020. “Un gasto en pensións inferior á media da UE”, subliñan.

Neste sentido apuntan que todos os dados oficiais confirman que o sistema de pensións “só precisa emprego e salarios dignos para a clase traballadora”, porque “a precariedade, en forma de contratos fixos descontinuos, a tempo parcial, as ETT e a eventualidade son as que poñen en perigo as pensións”.

Como dato indican que as persoas traballadoras de menos de 35 anos teñen unha cotización media de 5,35 anos e as de 44 anos de 13,5. Por iso inciden en que “a viabilidade do sistema pasa porque haxa traballo estable”.

Recuperación de dereitos para recuperar as pensións

Por iso, desde o Colectivo de Xubiladas e Pensionistas da CIG proclaman que “Goberne quen goberne, as pensións deféndense” e demandan:

  • A revalorización das pensións conforme ao IPC acumulado a final de ano e a fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (que no 2024 debe ser de 1.253€, que é o 60% do salario medio) como recomenda a Carta Social Europea.
  • A recuperación dos dereitos perdidos en canto ás pensións, demandando a derrogación das reformas das pensións,empezando pola de 2011, a de 2021 e a última do 2022.
  • Unha auditoría para saber a onde foron parar eses 67.000 millóns de euros, depurar responsabilidades e que nos devolvan o roubaron. 

Volver