Urbaser Ames convoca a unha xuntanza para o vindeiro domingo 7 de maio á representación do persoal
De se manter a folga haberá concentracións todos os días ás 12:00 horas, diante do concello
Ames -
Urbaser de Ames, concesionaria do servizo de limpeza viaria e punto limpo contactou este xoves coa representación do persoal para convocar unha xuntanza para o vindeiro domingo día 7 de maio, ás 21:00 horas.
Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos, agarda que a xuntanza estea convocada co ánimo de chegar a un acordo que pasa porque “a empresa faga unha oferta razoable para evitar, deste xeito, que se faga efectiva a folga indefinida que daría comezo o luns, día 8.
O persoal ansía chegar a este acordo para evitar as molestias e prexuízos que este conflito podería ocasionar á veciñanza do concello de Ames, algo que queren evitar e polo que agardan unha solución antes de que se chegue a facer efectiva a folga.
Caso de non se chegar a acordo e de botar a andar a folga indefinida o vindeiro luns, están previstas concentracións diarias diante do concello de Ames, en Bertamiráns, ás 12:00 horas.