As protestas por un convenio digno nas panaderías chegan a Sarria

Sarria -

As protestas en demanda dun convenio digno no sector de panaderías de Lugo trasladáronse este luns até Sarria, onde delegados e delegadas fixeron unha concentración diante dunha tenda Gadis. Para visibilizar a loita, acordouse levar as mobilizacións aos principais centros de distribución e ao tempo aproveitar para concienciar a clientela das pésimas condicións de traballo neste sector.

Unhas malas condicións laborais e salariais que están provocando a fuxida do persoal a outras actividades. Porén, a patronal, en vez intentar atallar esta fuga presentando unha oferta digna de convenio, pretende perpetuar a precariedade.

As táboas do convenio provincial de Lugo (vencido dende 2023) xa quedaron moi por debaixo do SMI e coa proposta económica da patronal a maioría das categorías seguirían quedando moi lonxe do salario mínimo interprofesional.  A isto hai que engadir a negativa a rebaixar a xornada anual (que está nas 1826 horas) e a mellorar o pago da nocturnidade, malia a penosidade que supoñen os horarios laborais neste sector.

Volver