Tres xornadas de folga en Aludec Pontevedra para reclamar convenios colectivos dignos

O persoal da empresa de automoción desenvolverá unha concentración este xoves coincidindo cunha nova xuntanza da mesa de negociación

Pontevedra -

O cadro de persoal de Aludec Pontevedra decidiu o pasado sábado en asemblea convocar tres xornadas de folga os días 8, 15 e 17 de xullo para reclamar convenios colectivos dignos nos distintos centros de traballo, ao tempo que este xoves 3 desenvolverá unha concentración na empresa de 13:30 a 16:00 horas coincidindo cunha nova xuntanza da mesa de negociación.

As persoas traballadoras da na compañía do sector da automoción con sede no polígono da Reigosa, en Ponte Caldelas, iniciou mobilizacións o pasado 26 de xuño contra a precariedade laboral que padecen e para denunciar o “nulo interese” da dirección en avanzar no recoñecemento das súas demandas; en especial no que ten que ver coa clasificación profesional, xa que Aludec mantén nos convenios colectivos dos distintos centros de traballo retribucións diferentes para persoal que desenvolve as mesas funcións. 

A CIG-Industria reclama que a revisión salarial se faga sen tope, ao tempo que demandan o establecemento dunha clasificación profesional que remate coas desigualdades e as discriminacións entre o persoal

Ademais, un 30% do persoal é contratado por ETT (unhas 280 persoas traballadoras das arredor de 900 coas que conta a empresa) e entra na compañía coas categorías profesionais máis baixas, pero despois asígnanselle funcións de categorías superiores. “Isto provoca un tapón para o persoal fixo, que se atopa con moitas dificultades para promocionar”, tal e como sinala Anxo Lúa, da CIG-Industria de Pontevedra. Esta problemática afecta especialmente as mulleres (que constitúen o 70% do cadro de persoal): ocupan todas a categoría de peón practicamente non promocionan.

A proposta salarial da empresa tampouco convence ao comité, xa que contempla un 3% de suba para 2024, un 3,1% para 2025 e un 3,1% para 2026, mentres que para 2027 sería a que recolla o convenio de da Industria Química máis un 0,2%. Iso si, en todos os casos a actualización anual a IPC estaría topada ao 1%. Por iso dende a CIG-Industria reclaman que a revisión salarial se faga sen tope, ao tempo que demandan o establecemento dunha clasificación profesional que remate coas desigualdades e as discriminacións entre o persoal.

Volver