Amplo seguimento da primeira xornada de folga por convenios dignos en Aludec

Unhas 300 persoas participaron nas mobilizacións diante dos distintos centros de traballo da compañía de automoción pontevedresa

Pontevedra -

A primeira xornada de folga convocada para reclamar convenios colectivos dignos na empresa do sector da automoción Aludec Pontevedra rexistrou un amplo seguimento entre o cadro de persoal, que aproveitou para desenvolver concentracións nos distintos centros de traballo situados no polígono da Reigosa, en Ponte Caldelas. Os paros continuarán os vindeiros días 15 e 17 de xullo, mentres que este xoves 10 terá lugar unha nova xuntanza da mesa de negociación.

Unhas 300 persoas participaron nos piquetes informativos e nas mobilizacións que comezaron ás 7:00 horas, coincidindo co inicio da quenda de mañá. Dende a CIG-Industria valoran moi positivamente a resposta do persoal e adiantan a súa disposición a seguir con medidas de presión até lograr unha mellora das condicións laborais.

Precisamente con este obxectivo CIG-Industria elaborou unha plataforma de convenio propia que recolle unha serie de demandas para garantir, entre outras cousas, que ao remate do convenio os salarios estean un 5% por enriba do que establece o convenio de Químicas, que é o de referencia para o sector. Ademais, reclama que a revisión salarial a final de cada ano se faga con respecto ao IPC e que leve aparellado o dereito a cobrar os atrasos.

Tamén esixe a adopción de medidas para rematar co alto nivel de precariedade existente na empresa, até o punto de que arredor de 300 das 900 persoas que integran o cadro de persoal son contratadas a través de ETT. Isto pasaría, entre outras cousas, por retomar a clasificación profesional, xa que no Grupo 1 (categoría de entrada) a xente de ETT non cobra o plus, mentres que si o fai o resto do persoal.

Esta discriminación tamén se dá entre persoas traballadoras das distintas fábricas da empresa, xa que categorías como serigrafía ou soldadura atópanse en grupos diferentes, polo que non ingresan o mesmo salario. Outras demandas teñen que ver coa necesidade de reducir a xornada laboral ou con que as baixas por enfermidade común deixen de computar á hora de ter dereito ao plus de absentismo. A CIG-Industria aproveitará a xuntanza da mesa de negociación do convenio deste xoves para trasladar estas propostas.

Volver