Traballadoras da limpeza péchase no edificio da Xunta en Lugo para reclamar a intervención da administración

Lugo -

Traballadoras da limpeza en folga e representantes da CIG acaban de iniciar un peche no edificio administrativo da Xunta de Galiza en Lugo para reclamar a intervención activa da administración no conflito, que a patronal está a prolongar ao negarse a pór enriba da mesa unhas propostas que permitan chegar a acordo digno e teimar en manter as táboas salariais por debaixo do SMI.

Con esta acción reivindicativa quérese pór de manifesto a responsabilidade da Xunta de Galiza neste conflito, tanto pola súa condición de administración pública como por ser principal contratista destes servizos coas grandes empresas do sector que, agrupadas na patronal estatal ASPEL, teñen secuestrada a negociación colectiva e impiden que haxa un convenio digno.

"As traballadoras xa levan 102 días en folga e a Xunta non pode seguir mirando para outro lado", asevera Asunción Castiñeira, representante da CIG. Critica que as administracións consintan que as grandes empresas e grupos empresariais (FCC, Eulen, Clece, Acciona etc.) se fagan con millonarios contratos públicos no sector mentres explotan as traballadoras e as manteñen nunhas condicións salariais de miseria.

Este é o segundo encerro que as traballadoras protagonizan no edificio multiusos da Xunta, e na acción reivindicativa tamén participa o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Volver