Salvemos a automoción galega!

Xoán Xosé Bouzas Aboi “Tupi” -

O único que lle preocupa a Stellantis e ás empresas de compoñentes é saber canto lle van dar en subvencións -que en moitos casos van directamente ás contas de resultados- e en fondos para I+D+i, cuxos proxectos logo desenvolven noutros países

 Na CIG vemos con moita preocupación as últimas novas que se están a producir arredor da automoción galega, e mentres que case todos os actores implicados dan a calada por resposta, a nosa central sindical está a alertar da situación e a poñer en marcha unha campaña en defensa do sector ante o futuro incerto ao que se enfronta.

 Milleiros de postos de traballo e centos de empresas vense ameazadas no noso país cando Stellantis advirte de que “para seguir sendo competitivos teñen que comprar moitos compoñentes en Europa do leste, Marrocos ou Asia”. Por iso nos preguntamos a que agardan as empresas de compoñentes de Vigo, Pontevedra e Ourense para poñer o grito no ceo, cando esta transnacional da automoción está a ameazalas unha vez máis para obrigalas a baixar prezos, xa que do contrario optará por traer os compoñentes destes territorios.

 Stellantis, por outro lado, coa súa política de rendibilidade por coche fabricado fai que Vigo perda competitividade porque os costes de produción son máis altos ca en Zaragoza, aínda que a man de obra sexa máis barata; polo tanto, se este é o criterio para a adxudicación de novos modelos de vehículos eléctricos, Galiza queda á marxe.

 Non defendiamos todos/as que as fábricas de compoñentes teñen que estar o máis preto posíbel das principais? por iso se demandaba unha planta de baterías no noso país; pero vemos como Stellantis, unha vez máis, non aposta por Vigo, non aposta polo motor galego; senón que o fai por que se constrúan en Zaragoza, o que incrementará os custes de portes que suporá traer aquí as baterías, co que a planta galega será menos competitiva.

 E unha planta de baterías crea emprego, abre novas liñas de negocio e amplía provedores, xerando riqueza e fixando poboación no territorio no que se instala. Mais isto parece non preocuparlle a ninguén: as empresas de compoñentes e as auxiliares da automoción calan e outorgan, os Concellos -como o de Vigo- e a Zona Franca, que tanto din que apostan pola automoción, están mudos; e a Xunta, sen un política industrial definida para o sector, segue a xogar un papel irrelevante, facendo unicamente de correa de transmisión de Stellantis.

 Tampouco se inmutan cando Stellantis inviste 650 millóns de euros na ampliación das plantas de Marrocos, Arxelia e Sudáfrica, mentres a de Vigo segue a esmorecer por falta de proxectos e de investimentos. O que a condena a seguir sendo unha planta low cost; até que no continente africano estean asentados, e despois darannos a patada.

 E neste contexto Stellantis sostén que “hai que adaptar estruturas de costes ás dos competidores chineses”. Por iso segue co banco de probas na planta de Vigo, impoñéndolles aos seus satélites do CEAGA a precariedade, os baixos salarios, as xornadas desreguladas que impiden a conciliación, a contratación irregular abusiva, as ETT, os centros especiais de emprego, as empresas multiservizos e os ERTE indiscriminados sen causas (porque a pandemia, os microchips, os problemas marítimos de loxística, etc, xa están superados e estes argumentos xa non se sosteñen). Mentes as administracións laborais, chámese Consellería de Emprego ou Inspección de Traballo, miran cara a outro lado, non están nin se lles espera.

 O único que lle preocupa a Stellantis e ás empresas de compoñentes é saber canto lle van dar en subvencións -que en moitos casos van directamente ás contas de resultados- e en fondos para I+D+i, cuxos proxectos logo desenvolven noutros países. Por iso resulta cando menos curioso que o CEO de Stellantis, Carlos Tavares, asegure que “teñen fortes sospeitas de que as empresas orientais están subvencionadas polos gobernos”. Que mire para el.

 O señor Tavares tamén ve como un problema o salto tecnolóxico que hai que dar para pasar dos motores de combustión aos motores eléctricos, e recoñece que os competidores chineses lévannos moitos anos de vantaxe, polo que hai que recortar distancias. Ademais, segue a arremeter contra a Comisión Europea por establecer o ano 2035 como tope para as vendas de coches de combustión. Preguntámonos dende cando sabe isto o señor Tavares, e que fixo neste tempo. A resposta é moi sinxela: enredar e volver ao punto de partida, porque só conseguiu deslocalizar empresas e abaratar custes a costa de espremer cada vez máis o cadro de persoal da principal e por conseguinte das empresas de compoñentes.

 Xa sabiamos ademais que esta tecnoloxía eléctrica é moi cara e que só algunhas persoas poden permitirse o luxo de comprar un coche eléctrico; e non esquezamos que as subvencións que lles dan as administracións a quen compra estes vehículos pagámosllas cos nosos impostos quen non podemos compralos, algo bastante inxusto por certo.

 Por todo isto, un sector estratéxico da nosa economía está feito un polvorín como consecuencia da falta de compromiso por parte dos gobernos galego e español e da propia Stellantis, que non aclara cal é o seu proxecto de futuro para a planta de Balaídos. Polo que todos os indicios fan presaxiar un futuro moi incerto para as empresas e para os postos de traballo.

 En consecuencia, as empresas de compoñentes, as auxiliares e tamén a principal, todas elas pertencentes ao CEAGA, teñen que asumir dunha vez que non se atopan diante dunha problemática allea, senón que os retos que teñen que enfrontar son colectivos.

 

[Galiza, 28 de novembro de 2023]

Volver