EUA: Ofensiva contra migrantes é contra todos os traballadores

Ana María Aragonés -

O que están a vivir os migrantes nestes momentos en Estados Unidos é a punta de lanza que visibiliza o que lle sucede á clase traballadora no mundo. E este é o momento chave para unificar a loita dos traballadores que propicie cambiar este modelo depredador por un proxecto emancipador que referende o dereito a non migrar

Terror e crueldade están a sufrir os migrantes nos Estados Unidos, agora co apoio da vergoñenta "mensaxe" do goberno federal estadounidense de que son "invasores" e de que os cidadáns estadounidenses se deben converter en espías dos seus veciños e denunciar os migrantes indocumentados. O que lembra os máis escuros tempos do nazismo dos anos 30, antecedentes que levaron á Segunda Guerra Mundial ante a incapacidade dos líderes para atopar saída á crise estrutural.

 Propoñíase, como agora, proteccionismo, nacionalismo, deportacións de migrantes. Os líderes negáronse a cambiar a estratexia; despois da morte de case 60 millóns de persoas, víronse obrigados a un reaxuste drástico que levou a unha mudanza da ideoloxía neoclásica ortodoxa cara ao keynesianismo.

 Malia que o sucedido noutros momentos históricos non se repite, a verdade é que hai terroríficas similitudes. Ante a crise estrutural do modelo neoliberal dos anos 2008-2009 e dadas as contradicións, poderíanse esperar profundos cambios nas dimensións básicas do modelo, tales como desvío da inversión produtiva cara á especulación financeira, o enriquecemento obsceno dunha minoría de privilexiados, a profunda ofensiva contra os traballadores, controis salariais, estendida pobreza e desigualdade. Con todo, quen lidera o cambio é a dereita e a ultradereita, cuxas propostas apuntan ao profundamento das contradicións do modelo neoliberal.

 As proclamas centrais dos modelos propostos, que podemos caracterizar como "fascistoides" (Valenzuela dixit) están alucinados contra a esquerda, contra os "zurdos", o socialismo, o comunismo e, por suposto, os migrantes. Propostas que seguen buscando o desmantelamento do Estado e, por tanto, que se privilexia o privado sobre o público e desta forma privatizar e converter en mercadorías o que son dereitos universais, como a saúde, a educación, a vivenda.

 Os investimentos produtivos seguen desviándose cara á especulación financeira, confirmándose así un imperialismo descarnado, que se apoia no complexo industrial militar, unha de cuxas funcións é interferir nos territorios para dominar os minerais estratéxicos.

 Pero, por que o foco está en combater os migrantes? En realidade, trátase de disfrazar o que é un ataque a toda a clase traballadora. A manobra é xerar a idea de que son transgresores da lei por falta de documentos, cando constitúe unha falta administrativa facilmente salvábel, que as autoridades non solucionan porque desta forma son criminalizados e doadamente expostos ao castigo das deportacións. Do que se trata é de xerar temor e pánico e así buscar disciplinar a outros e sentir que hai diferenzas cando se trata da táctica das elites que dividen en estamentos, o que de seu debe estar unido. Esta é unha forma histórica para evitar o que sempre temeron as elites: a forza dos traballadores.

 Por iso, no neoliberalismo, a énfase dirixiuse a destruír os sindicatos, contra a negociación colectiva, é dicir, unha terríbel acometida contra a clase traballadora para sometela, e por iso é polo que se amosan contrarios e arrepiados contra o que denominan "os zurdos".

 Os migrantes non son novos, pero agora son masivos, produto das enormes dificultades que os países do sur enfrontaron ante os embates do norte global que impediron por todos os medios que os países intenten camiños que lles permitan cambiar os modelos que lles impón dependencia e subordinación.

 O que están a vivir os migrantes nestes momentos en Estados Unidos é a punta de lanza que visibiliza o que lle sucede á clase traballadora no mundo. E este é o momento chave para unificar a loita dos traballadores que propicie cambiar este modelo depredador por un proxecto emancipador que referende o dereito á inmobilidade, é dicir, o dereito a non migrar.

 

[Artigo tirado do xornal mexicano La Jornada, do 16 de xuño de 2025]

Volver