A CIG impulsa unha proposición de lei para garantir a aplicación da Carta Social Europea e o carácter vinculante das decisións do CEDS
A iniciativa debaterase no Congreso tras ser recollida e rexistrada polo BNG
Nacional -
O Congreso debaterá e votará unha Proposición de lei para modificar a norma reguladora da Xurisdición Social co obxectivo de garantir o carácter vinculante das decisións do Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) e, polo tanto, a súa obrigada execución por parte do Estado español.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o secretario de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, compareceron en rolda prensa este venres para explicar o contido e os motivos desta iniciativa, que se encadra no proceso aberto para a reforma do despedimento, e ante a nula vontade do Goberno español para derrogar a reforma laboral de 2012 e as negativas consecuencias da sentenza ditada polo Tribunal Supremo o pasado 16 de xuño.
Nese fallo, o TS, como poder do estado que é, no canto de velar polo cumprimento dos tratados internacionais ratificados polo Estado español, caso da Carta Social Europea revisada, considera que as decisións do CEDS non son executivas nin directamente aplicábeis entre particulares, deixándoa na práctica sen efecto.
Vixencia da reforma laboral de 2012
Carril subliñou que a CIG impulsou esta proposta, que agora o BNG leva á votación no Congreso, ante a determinación do Goberno español de manter vixente a reforma laboral aprobada polo PP en materia de despedimento e a persistencia no incumprimento da decisión de fondo do CEDS, que condenou ao Estado por violación do dereito a unha indemnización adecuada e disuasiva.

Pero en vez de derrogar a contarreforma do PP, o Ministerio de Traballo apostou por abrir no chamado diálogo social unha mesa para abordar esta cuestión, na que a patronal rexeitou participar posto que a actual normativa lle resulta enormemente vantaxosa ao abaratar o despedimento individual e colectivo, facilitar as causas e situar na unilateralidade empresarial as decisión de executar ERE ou ERTE.
A sentenza do Tribunal Supremo vén reforzar esta postura patronal e deslexitima aínda máis a fórmula escollida polo Ministerio, que máis unha vez deixa en evidencia o nulo respecto pola pluralidade sindical ao recorrer ao diálogo social para excluír as centrais sindicais que, como a CIG, teñen a condición legal de máis representativas e o dereito á participación institucional en igualdade de condicións.
Así llo trasladou a CIG nun escrito remitido esta semana a ministra Yolanda Díaz, instando a proceder de inmediato á derrogación da reforma laboral do PP en materia de despedimento. “É unha débeda que o actual Goberno español ten co conxunto da clase traballadora”, aseverou Carril, ao tempo que insistiu en que non existe razóns que xustifiquen perpetuar a vixencia dunha lei “que ten representado o maior ataque aos dereitos das persoas traballadoras, nomeadamente ao facilitar e abaratar o despedimento”.
Modificación da lei reguladora da Xurisdición Social
Neste contexto, é que a CIG acordou impulsar esta proposta para modificar o artigo 219.2 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da Xurisdición Social, pola que se engade un novo inciso no seu parágrafo segundo que inclúe expresamente que “poderá invocarse a doutrina estabelecida nas sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea en interpretación do dereito comunitario e nas decisións do Comité Europeo de Dereitos Sociais en interpretación da Carta Social Europea (revisada)”.

O secretario xeral da CIG concluíu facendo un chamado a todas as formacións con representación no Congreso a apoiar esta proposición para garantir o cumprimento da Carta Social Europea e para blindar o carácter vinculante, e por conseguinte obrigado para todos os poderes, das decisións deste órgano de control do Consello de Europa.
Tratado ratificado polo Estado e publicado no BOE
Pola súa banda, Néstor Rego incidiu nesta cuestión e sinalou que a Carta Social Europea foi ratificada de maneira voluntaria polo Estado español, a súa versión revisada foi publicada no BOE no ano 2021, e, polo tanto, “enténdese que que pasa a formar parte do ordenamento xurídico como calquera tratado internacional e debe ser de obrigado cumprimento”.
Rego sinalou que agarda que haxa un amplo apoio da Cámara á proposición “porque é o que se axusta máis ao propio espírito e á decisión do Estado español de ter ratificado a Carta Social Europea”. “Sería unha burla que se ratifique o tratado internacional pero que despois se considere que o Estado está en disposición de acatalo cando lle interese e non acatalo cando non lle conviñer”, valorou.

