Persoal sanitario reivindica na Consellaría solucións concretas e reforzar a Atención Primaria

Na segunda xornada de mobilizacións previas á folga, demandáronlle a Gómez Caamaño que asuma as súas responsabilidades políticas

Nacional -

Está mañá, delegadas e delegados de CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT concentráronse ás portas da Consellaría de Sanidade en Santiago de Compostela para exixir medidas que revertan a situación límite que padece a Atención Primaria e unha mellora nas condicións de traballo. Este é o segundo día de mobilizacións no camiño da folga conxunta convocada para o 26 de novembro, na que se chamou a participar a todo o persoal de todas as categorías da Atención Primaria. O xoves, as mobilizacións continuarán con concentracións de 15 minutos ás 11h e ás 18h nos centros de saúde e PAC.

O secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel González Moreira, advertiu que as propostas trasladadas por Sanidade na Mesa Sectorial "afectan ao  modelo de Atención Primaria que coñecemos, ás condicións de traballo de todas as categorías e á capacidade de dar resposta ás necesidades asistenciais da cidadanía".

Engadiu que con esta folga estanse reivindicando solucións a problemáticas que deberían estar xa resoltas e "que xa levamos máis de dous anos intentando negociar coa Consellaría".

O secretario da CIG-Saúde insistiu en que a retirada do documento trasladado na Mesa Sectorial do 17 de outubro (que cualificou de agresión frontal á Atención Primaria)  non é suficiente para a desconvocatoria da folga, polo que demandou da administración "pasos firmes, como a retirada da categoría FEAP e acordos que garantan que os problemas que poñemos enriba da mesa teñen solución negociada, planificada e con datas de execución. Isto é o que pedimos".

Apuntou ao cambio de contexto con respecto á reunión desa Mesa Sectorial, xa que nestes momento hai unha folga convocada (que a CIG, ademais, en atención ao trasladado pola súa base, estendeu aos días 27 e 28 de novembro) e uns puntos enriba da mesa sobre os que cómpre chegar a acordos.

Moreira reiterou a gravidade dos cambios anunciados pola Consellaría, xa que supoñen volver ao modelo de Atención Primaira do século pasado, e alertou das enormes consecuencias que iso ten para as persoas traballadoras e para a calidade asistencial.

Neste senso, pediu comprensión á cidadanía “porque folga tamén se convoca para intentar modificar a realidade da Atención Primaria”.

Sobre as declaracións do conselleiro, salientou que a atención urxente e de emerxencia na xornada está garantida e aseverou que “non imos aceptar chantaxes de quen ten responsabilidades políticas e emite xuízos de maneira irresponsábel".  Moreira solicitoulle a Gómez Caamaño que "sexa consciente da súa posición e responsabilidades" non funcionamento e deseño da sanidade pública en Galiza e asuma que as solucións están na súa man.

Volver