Ana Lestón Gallardo elixida nova secretaria nacional polo IX Congreso da CIG-Saúde

No proceso tamén se renovou a Executiva federal e definíronse as liñas de acción do próximo período

Nacional -

O IX Congreso da CIG-Saúde elixiu a Ana Lestón Gallardo como nova secretaria nacional con 83 votos a favor, 0 en branco e 0 nulos, en substitución de Manuel González Moreira a quen se lle fixo unha homenaxe en recoñecemento e agradecemento ao seu compromiso, traballo e militancia. No proceso, decorrido en Lugo baixo o lema “Coidando dereitos, construíndo futuro”, tamén se renovou a Executiva federal e se definiron as liñas de acción sindical que guiarán a CIG-Saúde para enfrontar os retos futuros.

A Executiva federal, á que se presentou unha única candidatura ao igual que para a Secretaría nacional, recibiu o apoio de 81 votos a favor, 2 en branco e 0 nulos e queda conformada por:

  1. Ana Belén Lestón Gallardo
  2. Lucía Peón Soutiño
  3. Manuel González Moreira
  4. María Dolores Rodríguez López
  5. Irene Tato Mosquera
  6. Miguel Tizón Méndez
  7. Almudena Pérez Baltar
  8. Sonia Castro Diéguez
  9. Xabier Alvedro Álvarez.

Para o Consello Confederal -que obtivo 79 votos a favor, 4 brancos e 0 nulos-resultaron elixidas as seguintes persoas:

  1. Ana Belén Lestón Gallardo.
  2. María Dolores Rodríguez López.
  3. Xabier Alvedro Álvarez.

Na súa intervención no acto de clausura, xa elixida nova secretaria federal, Ana Lestón Gallardo, quixo comezar con palabras de recoñecemento para todas as persoas que forman e formaron parte da CIG-Saúde e da súa estrutura, e chamou a traballar “para ser a muralla” que frea o ataque continuo aos dereitos da clase traballadora e aos servizos públicos.

“A saúde non é un negocio, a saúde é un dereito, e imos defendela con todas as nosas enerxías”, aseverou, marcando como primeiro obxectivo neste camiño a defensa da Atención Primaria “como columna vertebral do sistema, con recursos, con persoal suficiente, con modelos que garantan equidade no territorio, sen recortes nin centralizacións que deixen o rural sen servizos”.

Reivindicou tamén a negociación dun plan real de ordenación de recursos humanos, a loita pola xornada de 35 horas e polos descansos e pór fin á discriminación retributiva e actualizar os modelos salariais tanto na pública como na privada.

Lestón referiuse tamén aos retos no sector privado, no que hoxe a CIG é unha forza sindical “respectada e temida polas patronais”. Subliñou que “non imos permitir que sigan precarizando as condicións laborais mentres enchen os petos cos nosos dereitos” e instou a ter ambición e “acadar un convenio galego da sanidade privada, que estabeleza condicións dignas para todas as persoas traballadoras”.

Xunto a isto, sinalou o reto de acadar a igualdade real, a normalización do galego na sanidade e mellorar a saúde laboral. Mais todos estes desafíos só se poderán lograr “coa forza da rúa, coa presión nos centros, coa negociación cando toca e coa mobilización cando é necesaria”. Porque a CIG-Saúde “non é un sindicato de pactos fáciles, non somos unha organización que se vende por catro titulares. Somos un sindicato de clase, combativo, nacionalista e feminista, que sempre está e estará ao lado da xente traballadora”, concluíu.

A secretaria confederal de Organización, Susana Méndez, que interveu en nome da Executiva Confederal, recalcou que non hai avances nos dereitos sen conflito porque “ningunha conquista se acadou sen tensión, sen presión e sen capacidade para enfrontar a quen exerce o poder contra os intereses da clase traballadora”, pondo como exemplo o conflito aberto na Atención Primaria.

Destacou o carácter combativo, nacionalista e de clase que define a CIG como sindicato e recoñeceu o esforzo e a entrega de todo o seu corpo militante, onde radica a foza que converte a CIG “na ferramenta imprescindíbel que é”. Agradeceu este compromiso que fai que “hoxe sexamos a primeira central sindical da Galiza en representatividade, en afiliación e —o máis importante— en combatividade e coherencia”. Valorou que a central nacionalista cotinúa a medrar “porque a clase traballadora galega acredita precisamente na nosa liña sindical e nas persoas que a levan adiante”.

Méndez tivo palabras de agradecemento para Manuel Moreira. “parte fundamental da historia recente da nosa organización”. Destacou que o seu traballo “serio, constante e  comprometido contribuíu a manter á CIG-Saúde como primeira forza sindical na sanidade pública, cunha coherencia e liña sindical claras”.

A secretaria confederal de Organización rematou desexando “forza, acertos e cohesión” á nova Executiva e á nova secretaria federal e lembrou que aínda que os “obstáculos a salvar son enormes e os ataques son variados, tamén o son a nosa convicción e a nosa unidade. Porque a CIG non é unha estrutura abstracta: somos cada unha e cada un de nós, nas rúas, nos centros de traballo, nas mobilizacións, nos conflitos”.

O Congreso arrincaba coa saúda do secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, e durante o transcurso da xornada fíxose unha lembranza a Víctor Vila López, compañeiro finado a principios deste ano, ao que se describiu como “un home de principios firmes, comprometido coa sanidade pública e de profundo altruísmo”. Así como ás compañeiras e compañeiros que se xubilan.

Antes de proceder á renovación dos cargos, as delegadas e delegados asistentes debateron e votaron o informe da Executiva saínte, que resultou aprobado por unanimidade.

Manuel González Moreira, como secretario nacional saínte, foi o encargado de defender o texto no que se repasa a acción sindical e as actuacións da federación neste último período, no que a central consolidou a súa condición de primeira forza na sanidade pública e experimentou un importante incremento de representatividade na sanidade privada, ao pasar de 32 persoas delegadas en 2022 a ter 87 neste ano.

Este período estivo marcado por unha profunda crise da sanidade pública galega, tanto na Atención Primaria como na hospitalaria, resultado das políticas de recorte, privatización e precarización das condicións de traballo das persoas traballadoras da sanidade pública, e que supuxo tamén unha grave perda de calidade na asistencia que se presta á cidadanía.

Cunha folga na Atención Primaria convocada para os días 26, 27 e 28 de novembro e cun histórico acordo retributivo e de redución da xornada acadado no ano 2023 que a Consellaría aplica de maneira perversa para xerar conflitividade, neste período, a acción sindical reivindicativa da CIG-Saúde combinouse tamén coa mobilización social, organizada na Plataforma SOS Sanidade Pública, da que a central fai parte activa. 

No ámbito das competencias estatais, o principal cabalo de batalla estivo, e está, na negociación do novo Estatuto Marco, que non dá resposta ás demandas sindicais en materias como a regulación da xornada, unha nova clasificación profesional con retribucións xustas, nin recoñece o dereito á xubilación anticipada e parcial. A postura do Ministerio levou á convocatoria de mobilizacións e á presentación de iniciativas, como CIG-Saúde, no Congreso.

Xunto a isto, destacouse a loita por acadar convenios dignos na sanidade privada, na que a CIG se situou “á cabeza das mobilizacións, consolidando a súa imaxe de sindicato que non asina nin preacordos nin acordos á baixa, nin pacta retrocesos”.

O traballo para garantir a saúde laboral, a igualdade e a fins das discriminacións, o uso normalizado do galego, e a defensa global dos servizos públicos como eixo estratéxico da CIG, foron outras das liñas que marcaron este período.

Con todo este contexto, destacouse no informe, a CIG-Saúde situouse “como referente sindical combativo, liderando mobilizacións, propostas sindicais e iniciativas de política sanitaria para defender os dereitos laborais e sociais das traballadoras e traballadores da sanidade e do conxunto da cidadanía”.

Relatorio de acción sindical e organización

Durante o IX Congreso aprobouse tamén por unanimidade o Relatorio de Acción Sindical que define as liñas básicas de actuación para dar unha resposta axeitada e contundente aos desafíos que enfronta a federación.

Reverter a precariedade laboral, combater a sobrecarga de traballo derivada das políticas de recortes da sanidade pública, mellorar as retribucións, acadar convenios dignos no sector privado e nas fundacións de investigación sanitaria e medicina xenómica, afrontar os cambios que trae o proceso de dixitalización e a irrupción da IA, ou garantir unha atención sanitaria digna a poboacións en todos niveis, foron algunhas das cuestións recollidas no documento.

No Relatorio de Organización (co voto a favor unánime) instouse a mellorar a organización interna para ser áxiles nas respostas, consolidar e ampliar a representatividade da CIG, fortalecer a participación da afiliación nos debates internos e manter un compromiso militante, porque só así “seremos un sindicato vivo, participativo e combativo” capaces de avanzar “na conquista de dereitos e transformar a realidade”.

Volver