Persoal de grandes almacéns mobilízase na defensa dunhas condicións laborais dignas
Desenvolveu concentracións na Coruña, Vigo, Santiago, Lugo, Ferrol e Vilagarcía e fará folga o 28 de novembro e 6, 13, 20 e 23 de decembro
Nacional -
Persoas traballadoras do sector de grandes almacéns mobilizáronse hoxe convocadas pola CIG-Servizos en distintas comarcas galegas para denunciar a precariedade laboral que padecen e reclamar condicións laborais e salariais dignas. As concentracións, celebradas ás 12:00 horas en Vigo, A Coruña, Lugo, Ferrol, Vilagarcía e Santiago, fan parte da campaña de protestas iniciada o pasado mes de marzo e que continuará con novas xornadas de folga os días 28 de novembro e 6, 13, 20 e 23 de decembro.

A central sindical valora estas accións como un novo paso na loita colectiva fronte ás políticas empresariais que están a deteriorar progresivamente as condicións de traballo nun sector no que grandes compañías como Carrefour ou Alcampo continúan acumulando importantes beneficios mentres manteñen uns salarios que apenas superan o SMI.
A campaña abrangue non só as grandes cadeas de distribución, senón tamén as empresas auxiliares que lles prestan servizos e aquelas compañías que, malia contar con convenios propios, reproducen na práctica as condicións do convenio estatal de grandes almacéns.
Desde a CIG-Servizos denuncian que a transformación do sector, especialmente polo avance do comercio electrónico, está a ser utilizada polas empresas como escusa para intensificar a precarización laboral. A redución dos cadros de persoal, a falta de cobertura das baixas, vacacións e licenzas e a implantación de sistemas organizativos que incrementan as cargas de traballo están a provocar unha presión cada vez maior sobre o persoal.
Esta realidade afecta especialmente a un sector altamente feminizado, cunha elevada porcentaxe de contratacións a tempo parcial e no que a conciliación da vida persoal, familiar e laboral resulta practicamente imposible. As quendas partidas, os horarios cambiantes e a imposición do traballo en domingos e festivos, sen compensacións adecuadas, forman parte da realidade cotiá de milleiros de persoas traballadoras.
A isto súmanse os incumprimentos dos descansos diarios e semanais legalmente establecidos, así como uns ritmos de traballo cada vez máis elevados que repercuten directamente na saúde física e mental do persoal, incrementando os problemas músculo-esqueléticos, o estrés e a ansiedade.

A precariedade como norma
Dende a CIG-Servizos consideran inaceptábel que, mentres as grandes compañías continúan acumulando beneficios millonarios, as persoas traballadoras teñan que soportar unhas condicións laborais cada vez máis precarias e unhas retribucións que non recoñecen a súa responsabilidade, polivalencia, dispoñibilidade nin esforzo diario.
A central sindical insiste en que a experiencia dos últimos anos demostra que a negociación centralizada en Madrid, en mans das grandes organizacións sindicais estatais, non está a dar resposta ás necesidades específicas do persoal galego. Pola contra, está a consolidar un modelo de condicións laborais e salariais claramente insuficiente.
Por iso, a CIG defende a necesidade de que Galiza teña capacidade para decidir sobre as condicións laborais do seu comercio, apostando por un marco galego de negociación colectiva que teña en conta a realidade económica, social e laboral do país.
As mobilizacións deste martes terán continuidade coas xornadas de folga convocadas para os días 28 de novembro e 6, 13, 20 e 23 de decembro. A CIG-Servizos chama o conxunto das persoas traballadoras do sector a participar activamente nas convocatorias e reforzar a organización e a resposta colectiva fronte á precariedade.
Principais reivindicacións da CIG para o sector
- Máis persoal e xornadas completas: incrementar os cadros de persoal, transformar contratos a tempo parcial en xornadas completas e garantir as contratacións necesarias para acabar coa sobrecarga de traballo.
- Horarios estábeis e conciliación real: establecer quendas previsíbeis, evitar modificacións constantes dos horarios, garantir os descansos legais e respectar a voluntariedade do traballo en domingos e festivos.
- Salarios xustos e recoñecemento profesional: incorporar ao novo convenio complementos salariais que recoñezan a responsabilidade, a polivalencia, a dispoñibilidade e o valor real do traballo desenvolvido.
- Un Acordo Marco Galego de Comercio: constituír unha mesa de negociación propia que permita avanzar cara a un marco galego que responda ás necesidades do comercio do país e garanta a defensa da negociación colectiva provincial fronte á centralización estatal.

