Nova xornada de folga no comercio contra a precariedade laboral e salarial
Durante o paro do sábado 15, traballadoras e traballadores mobilizáronse en diferentes localidades
Nacional -
Traballadoras e traballadores do comercio secundaron este sábado, día de apertura autorizado, unha nova xornada de folga para reclamar condicións laborais e salariais dignas, dereito a descansar e conciliar e que se reforcen os cadros de persoal para afrontar a sobrecarga.

Esta foi a terceira xornada de paro convocada pola CIG no sector, a través da que tamén se quere reclamar a creación dunha mesa de negociación para un Acordo Marco Galego do Comercio que blinde a negociación colectiva provincial fronte aos procesos de estatalización.
A CIG-Servizos advirte que as transformacións experimentadas polo sector, entre elas o auxe do comercio electrónico, están a ser aproveitadas por moitas empresas para recortar persoal e incrementar a carga de traballo sobre os equipos existentes, deteriorando progresivamente as condicións laborais.
Lembra ademais que se trata dun sector fortemente feminizado, no que predominan as contratacións a tempo parcial e onde persisten importantes dificultades para compatibilizar a vida laboral e familiar. Neste sentido, denuncia a imposición de quendas partidas e do traballo en domingos e festivos autorizados pola Xunta de Galiza sen compensacións, así como o incumprimento, en numerosas ocasións, dos descansos diarios e semanais establecidos na normativa laboral.

A isto súmase o deterioro da sáude provocado pola sobrecarga de traballo e uns salarios miserábeis que apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional, mentres as empresas continúan rexistrando importantes beneficios económicos.
Ademais, a patronal ten iniciado unha ofensiva contra a negociación colectiva galega mediante a apertura de mesas estatais en Madrid que reducen dereitos consolidados nos convenios provinciais e limitan a capacidade de negociación propia de Galiza.
Para reverter esta situación, a CIG-Servizos reclama o reforzo dos cadros de persoal, a conversión das xornadas parciais en completas, medidas efectivas para favorecer a conciliación e garantir os descansos, melloras salariais acordes coa responsabilidade, a polivalencia e a dispoñibilidade que asume o persoal, así como a creación dunha mesa de negociación para un Acordo Marco Galego do Comercio que blinde a negociación colectiva provincial fronte aos procesos de estatalización.

