Persoal de Mersant Seguridade mobilízase para esixir o cobro dos seus salarios

A empresa, que presta servizos en centros de Política Social, débelles a nómina de decembro e a extra

Lugo -

Traballadores e traballadoras de Mersant Seguridade concentráronse este mércores diante da delegación provincial de Política Social en Lugo para esixir o pago inmediato dos salarios adebedados e que a Xunta rescate o contrato ante os incumprimentos da empresa e a incerteza sobre a súa situación financeira.

A día de hoxe, Mersant Seguridade ten pendente de abonarlle ao persoal as nóminas de decembro e a paga extraordinaria de nadal e xa lle comunicou, mediante unha nota interna, que atravesa "dificultades económicas" para facer fronte ao pago dos salarios.

Ademais, explica Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, a empresa ten unha débeda coa Facenda Pública de preto de tres millóns de euros e tampouco está ao corrente de pagos coa Seguridade Social, "motivo polo que pedimos á Consellería de Política Social que rescinda o contrato con esta empresa o antes posíbel e proceda a adxudicar o servizo a unha empresa solvente".

Mersant Seguridade, engade Paz, está incumprindo as cláusulas administrativas que rexen os procedementos de contratación do sector público, que marcan como causa de resolución do contrato a falta de pago dos salarios por parte do contratista. 

"As consecuencias de contratar empresas de baixo custe están a vista, ao final acaban pagando sempre os mesmos, os traballadores e as traballadoras", denuncia. Neste senso, lembra que nos servizos de seguridade privada da Consellería de Política Social "xa chove sobre mollado",  posto que hai uns anos estes mesmos traballadores estiveron acampados nunha caravana preto de tres meses diante do edificio da Xunta en Lugo reclamando o seu dereito a subrogación e a cobrar os seis meses de salario que lle debía a empresa.

Mersant Seguridad conta en Galiza con arredor de 70 traballadores/as que realizan tarefas de seguridade en varios centros da Consellaría de Política Social (como centros de menores ou residencias). "A administración non pode seguir mirando para outro lado e permitindo que estas empresas piratas fagan o que lle dá a gana a conta dos cartos públicos e incumprir as súas obrigas co persoal", conclúe Paz.

Volver