Persoal de Einsa Print arrinca as mobilizacións contra o novo ERE

A empresa anuncia a medida só 15 meses despois de despedir a 120 persoas

As Pontes -

O persoal de Einsa Print desenvolveu este luns un paro laboral en rexeitamento ao ERE pola empresa para a planta das Pontes, tan só 15 meses despois de aplicar outro expediente de extinción que supuxo o despedimento de 120 persoas. Coincidindo coa folga parcial, que se repetirá nos próximos días, o persoal concentrouse ás portas das instalacións en Penapurreira.

Coa vista posta no período de consultas que se inicia o vindeiro mércores e á falta de concretar a afectación e coñecer as razóns desta medida, a CIG considera que se trata “dunha xogada da empresa” e, de feito, a pasada semana, Einsa Print mantivo a liña de produción sen actividade, tal e como denuncia o secretario da CIG-Industria de Ferrol, Vicente Vidal.

Neste momento, despois do último ERE, a planta das Pontes conta con 115 traballadores e traballadoras e o despedimento colectivo anunciado non respecta os compromisos asinados en 2023, que entre outras cuestións, deberan garantir os empregos até finais de 2026.

Este ERE afonda na crise que atravesa As Pontes tras o peche da central térmica e a falta de proxectos alternativos reais, que converten esta localidade no punto cero da desertización industrial do país e no exemplo de que a transición enerxética non está sendo nin social nin territorialmente xusta.

Hai que lembrar que Einsa foi a primeira empresa en asentarse no polígono de Penapurreira, no ano 1999, ao amparo do Plano de Desenvolvemento, acordado pola Xunta, Endesa e as organizacións sindicais en resposta anticipada -10 anos antes- aos efectos laborais e económicos do peche da mina. Foi facéndose cunha superficie de máis de 116.000 m2 industriais, a un prezo moi vantaxoso, logo de agrupar as cinco parcelas da súa titularidade mediante un convenio urbanístico co Concello en 2004.

A CIG advirte que o conxunto do solo e das naves supón un activo moi importante, sobre de todo nun municipio sen oferta de chan industrial, “e no que non hai ningunha alternativa de emprego real a concretar no curto prazo, mais si responsabilidades políticas que deben dar a cara e impedir as pretensións do “pelotazo” empresarial”.

Volver