Empse Group presenta un ERE para despedir a todo o seu persoal
A empresa, auxiliar do naval e da eólica mariña, alega causas produtivas
Ferrol -
Empse Group, empresa auxiliar de Navantia e de Nervión, vén de comunicar un ERE de extinción para o todo o seu cadro de persoal (23 traballadores) alegando causas produtivas. CIG e CCOO (que ostentan a representación social) rexeitan esta medida froito da nefasta organización da empresa, que é incapaz de cumprir cos prazos de entrega dos pedidos.
Resulta intolerábel que, nun momento no que se medra a carga de traballo na comarca de Ferrol, tanto na construción naval como na eólica mariña, unha empresa presente un despedimento colectivo por causas produtivas. Unha vez máis, son as persoas traballadoras as grandes prexudicadas pola incompetencia da dirección empresarial, véndose abocadas a ir ao desemprego coa mínima indemnización que permite a lei.
Empse Group (situada no Polígono do Río do Pozo) é unha compañía de Cádiz que chegou á comarca hai menos de cinco anos e realiza traballos para Nervión (na eólica mariña) e para Navantia (na construción das fragatas). Porén, a mala organización da empresa, incapaz de xestionar o traballo, fixo que xa perdera contratos con Nervión por non ser capaz de entregar os pedidos nos prazos estipulados, e pesar de dispor de maquinaria adecuada e persoal cualificado.
Á espera da constitución da mesa negociadora e da documentación que achegue a compañía, CIG e CCOO lamentan que se chegara a esta situación e reafírmanse na defensa dos dereitos dos traballadores afectados.