O sector industrial da CIG clama, nas rúas de Compostela, contra a precariedade e en demanda de traballo digno

Delegados e delegadas participaron na asemblea nacional e posterior manifestación en defensa do emprego e da industria en Galiza

Nacional -

Centos de delegados e delegadas da CIG-Industria manifestáronse esta mañá polas rúas de Compostela, en defensa do emprego e da industria en Galiza. A mobilización, inserida na campaña que a CIG vén desenvolvendo desde principios de ano baixo o lema “Stop Precariedade. Traballo Digno”, celebrouse tras dunha asemblea na que se analizou a grave situación do sector industrial en Galiza.

Ao inicio da manifestación, o secretario nacional, Xoán Xosé Bouzas Aboi, deu conta da situación analizada na asemblea e das demandas concretas da central sindical. Así denunciou as novas modalidades de contratación, polas que se multiplica a precariedade, ou a xeneralización da contratación a tempo parcial e a fixa descontinua. Unha cuestión, esta última, respecto da que apuntou que “se elimina a figura do traballador ou traballadora eventual, mais o resultado é que cambian as estatísticas, pero non a realidade”.

Denunciou tamén o uso e abuso fraudulento dos períodos de proba como modalidade de contratación; o reforzo das ETTs; o fomento dos ERTE permanentes; a continuidade das desigualdades de xénero; a extensión dos baixos salarios; as maiores dificultades para o acceso, a duración e as contías das prestacións de desemprego ou a institucionalización da pobreza. Por iso afirmou que “ter traballo xa non garante os ingresos necesarios para vivir dignamente e acceder a dereitos básicos como alimentación ou vivenda”.

Fronte a isto reclamou ao novo Goberno galego a “aprobación urxente dun plan galego de recuperación económica, de industrialización do país e creación de emprego digno e servizos públicos na nosa terra”.

Bouzas salientou ademais as loitas en defensa dos postos de traballo desenvolvidas nestes últimos meses poñendo especial énfase nos EREs extintivos de Maderas Fiber, do sector de automoción e Soling Instalaciones, do sector naval, ambas pechadas, e a loita contra o ERE en EINSA, empresa de artes gráficas das Pontes.

Empresa Pública Galega de Enerxía

Defendeu ademais unha tarifa eléctrica galega “para que o difícil reto de Transición Enerxética se converta en posibilidades de xeración económica, de reindustrialización e de prezos máis baixos” e a creación dunha Empresa Pública Galega de Enerxía, para garantir que a xeración eléctrica teña repercusión económica alí onde se produce.

Reclamou a implantación de industrias tecnolóxicas e de fabricación de compoñentes de equipos para a industria de enerxías renovables, denunciando que as que había pecharon ou deslocalizáronse, o que supuxo unha perda de máis de 5.500 empregos no sector eólico.

Cuestionou o emprego que se anuncia cos proxectos de implantación de novos eólicos por Galiza adiante, lembrando que as 45 primeiras empresas eólicas con sede en Galiza só dan emprego a 37 persoas ou que na Terra Cha, un concello con 20 parques eólicos e 381 aeroxeradores, só empregou a 4 persoas.

Respecto da eólica mariña defendeu que sexan excluídos os territorios que no ano anterior  xa cumpriran os obxectivos de produción de enerxía eléctrica con renovables e exixiu que todos os proxectos de implantación de actividades enerxética teñan proxectos de desenvolvemento económico e plans industriais asociados, creadores de emprego neto real, sen posibilidade de segregalos da actividade de produción de enerxía, aumentando o retorno económico e social as persoas e territorios afectados.

Neste sentido, afirmou que a Xunta de Galiza “ten que facer unha política industrial, enerxética e social, non estar ao servizo das grandes eléctricas, poñendo en perigo sectores sociais que proporcionan alimentos básicos á poboación” e apostou por un novo sistema público de fixación de prezos da electricidade para particulares e actividade económica.

Avanzou que desde a federación loitarán pola implantación de coeficientes redutores para sectores nos que o persoal padeza especial desgaste na súa saúde e anunciou que darán “a batalla” polo dereito á xubilación parcial sen restricións por sectores de actividade ou empresas porque “isto axuda a rexuvenecer os cadros de persoal e a creación de emprego”.

Manifestou, en todo caso, a oposición aos plans privados de pensións no sector e a que a Xunta de Galiza subscriba acordos de colaboración en determinadas situacións de IT entre o INSS, as Mutuas e o SERGAS porque “é un roubo de dereitos e a privatización dos servizos públicos para beneficiar á sanidade privada a conta da saúde da clase traballadora”.

Sectores en perigo

Na asemblea foron as e os representantes dos distintos sectores quen deron conta da gravidade da situación. Así Xosé Manuel Peña, membro da sección sindical de Alcoa San Cibrao, denunciou que non hai unha proposta concreta para unha solución factible. Reclamou que as administracións estuden todas as accións legais e institucionais para que se garanta o cumprimento dos compromisos por parte de Alcoa. Demandou que se busque unha fórmula de intervención e que se entre no Consello de Administración para garantir a continuidade da empresa e do emprego, tanto na principal como nas auxiliares.

Na mesma liña Celso Barros, de EUMECONS, auxiliar de Endesa e traballador no proceso de desmantelamento da central térmica, denunciou que desde novembro non se reúne a mesa para o impulso económico da comarca; que Xunta, Endesa, concello e Ministerio pasan de todo e que segue sen haber concurso de Transición Xusta, nin se cumpre o compromiso de seguimento dos proxectos.

Pola súa banda Marcos Paramós traballador de Ilunion, do grupo ONCE, denunciou a explotación laboral nas empresas multiservizos e Centros Especiais de Emprego e Raquel Pérez, responsable nacional da Muller da federación fixo un percorrido polas desigualdades que sofren no sector.

Canto ao sector de automoción, María Xosé García manifestou a preocupación máxima pola situación xa que desde 2008 non se instalou ningunha empresa nova, nin a fabrica chinesa anunciada para Vigo, nin a tan cacarexada planta de baterías, nin a de semicondutores. Fronte a isto denunciou que si se produciron deslocalizacións das empresas que había, alertou da prohibición, a partir de 2030 de fabricar coches de combustión e que Stellantis non aclara cales son os seus proxectos de futuro.

Pola súa banda Erika Seoane, de EUROPRINT denunciou a situación do convenio de Artes Gráficas, un dos peores, na actualidade, e Alejandro Cabo, da auxiliar de Navantia, Nervión, salientou a importancia de mobilizarse para conseguir a aplicación dos acordos do naval no convenio provincial do Metal.

A manifestación rematou diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, onde delegadas e delegados clamaron ao unísono “Stop Precariedade. Traballo digo”.

Volver