A CIG denuncia a utilización partidista do CES por parte do PP e reclama a súa independencia

Carril salienta que, malia o papel da CEG, UUAA e UGT, o ditame final á Lei de Beneficios mantén garantías esenciais para que a explotación dos nosos recursos reverta no pobo galego

Nacional -

O Goberno galego e o PP fracasaron no seu intento de impedir que o CES aprobase un ditame que emenda a totalidade do “Anteproxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos”. Así o considera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que denunciou, en rolda de prensa, que a “inxerencia” no funcionamento do organismo por parte do Goberno galego e do PP vulnera o papel que a Lei lle atribúe.

Nese sentido, Carril lembrou que o Consello é un ente institucional de dereito público que ten personalidade xurídica propia e plena capacidade e autonomía, orgánica e funcional para  cumprir cos seus fins e que, dado o seu carácter consultivo, é necesario garantir a súa “independencia” na formación e emisión dos seus criterios.

Unha independencia que, segundo Miguel Malvido, Secretario Confederal de Institucional e representante da CIG no CES, “ten que estar garantida, tanto para emitir os Informes como os ditames aos Anteproxectos de Lei”. Por iso lembrou que, desde hai anos, vense desenvolvendo como mecanismo de traballo o consenso, de forma que “unha vez que na comisión está aprobado o ditame, este pasa á Permanente, onde non adoita haber ningunha modificación, e logo pasa ao Pleno”, que é un “mero trámite”.

Utilización partidista

Isto foi así até a chegada do novo Presidente que “no seu primeiro pleno, sacou da manga unha actitude presidencialista e forzou unha votación para que este ditame da comisión sectorial tivera unha segunda lectura”, saltándose “a lei e o propio regulamento do CES”, explicou Malvido.

Unha actuación para Carril, “sen precedentes na utilización partidista do recentemente elixido Presidente do CES até o extremo de, primeiro, secuestrar un ditame crítico co Goberno e, segundo, pretender cambialo no Pleno”, malia estar por dúas veces aprobado en Comisión.

Deste xeito, o ditame, que Malvido cualificou de “moi crítico co anteproxecto”, volveu á comisión sectorial que entendeu que non cabía unha segunda lectura, polo que foi remitido novamente ao pleno que o “aprobou maioritariamente”.

Rectificación e restablecemento da independencia do CES

Paulo Carril explicou que a central sindical ten aberto un debate na executiva por mor da “alarma” xerada por este comportamento que considerou que “debe ser rectificado” para ver restablecida a “independencia do CES na súa misión”. Denunciou a pretensión do PP de facer deste organismo consultivo “un anexo do goberno galego matando a súa independencia”. Reclamou que agora se cumpra o contemplado no ditame, porque “non vale respectar ao CES cando lle interesa e cando non, non” e concluíu que ter que denunciar este comportamento irregular demostra “o mal que está a democracia en Galiza”.

Canda isto, Carril lamentou o papel da UGT que, no Pleno, “actuou en contra do que votou durante os debates da Comisión que elaborou o ditame”, tanto na primeira como na segunda votación que houbo na Comisión. Como lamentou tamén que Unións Agrarias estivera “desaparecida e só aparecerá para facilitar coa CEG o que o Goberno galego e o PP ditaron para tirar abaixo o ditame”.

Fracaso do PP

Para o secretario xeral da CIG este intento do Goberno galego e do PP de mudar o ditame do CES responde á súa “desesperación” por impedir que os recursos naturais de Galiza “teñan que reverter no beneficio social e económico do pobo galego” e que as reivindicacións sociais de anos sigan desatendidas.

A este respecto, Malvido explicou que, aínda que con este intento de cambiar a súa liña, “houbo algunhas consideracións xerais que caeron, pero o groso do ditame, a visión crítica que ten sobre este anteproxecto de lei, segue adiante”.

Por iso Carril cualificou de “fracaso” o intento de subverter un ditame ao que agora “deben de aterse, co mesmo empeño para cumprilo como empeño tiveron para anulalo”.

Ao servizo do pobo

O ditame recolle consideracións como que a lei debe contemplar que as novas actividades deben achegar emprego ao entorno económico e social afectado; que hai que elaborar un novo Plan Sectorial Eólico para todo o territorio galego que se someta ao procedemento de avaliación ambiental e estratéxica; que as terras dedicadas a abastecemento de alimentos deben estar protexidas para priorizar a soberanía alimentaria sobre os intereses industriais e enerxéticos ou, en materia de parques eólicos, que cómpre priorizar a potenciación dos parques eólicos e as liñas de evacuación existentes sobre outros novos.

Con este ditame o Goberno galego estaría obrigado ademais a que a participación da administración galega e das entidades do sector público neste sector sexa mediante Empresas Mixtas, con control efectivo e en sociedades que teñan obxectos compatibles con esta lei. Establécese ademais que hai que constituír unha Empresa Pública Galega de Enerxía que xestione as centrais hidroeléctricas cuxas concesións estean vencidas e vaian caducando e controle a participación accionarial da Xunta en todas as empresas enerxéticas.

Faise tamén un chamado a que exista un plan de desenvolvemento industrial que promova o peche dos ciclos produtivos en Galiza, aumentando o valor engadido en sectores básicos da nosa economía, e unha nova planificación enerxética pública ao servizo do pobo e de que os poderes públicos asuman, como un dos seus principios reitores, unha política social e económica que garanta o dereito das galegas e galegos a vivir e traballar na súa propia terra, entre outras moitas cuestións.

Tamén recolle como deben concretarse os beneficios sociais e económicos en catro medidas. Obriga a que nos territorios que se vexan afectados polos proxectos de desenvolvemento económico vinculado con estes recursos naturais teña que haber plans asociados aos proxectos de aproveitamento eólico, mineiro, forestal ou de auga e, polo tanto, que tamén haxa un peche do ciclo produtivo. Isto é “un freo a que só veñan a espoliar os nosos recursos e non estean asociados á xeración de emprego e industria”, matiza Carril.

Bonificación na factura eléctrica

Para que unha empresa poida ser adxudicataria dos recursos no noso país ten que estar disposta a que haxa participación pública no capital social do proxecto; quen promova un proxecto destas características, concretamente se é de aproveitamento enerxético, ten que contemplar unha bonificación directa na factura eléctrica do 10% para consumo doméstico e dun 30% para actividades económicas con domicilio nos concellos afectados polas instalacións. Ademais, a sede social e fiscal das empresas promotoras ten que estar en Galiza e facer fronte ao pagamento dos tributos en Galiza.

O secretario xeral da CIG considera esta cuestión moi importante porque neste punto houbo unha emenda que pretendeu deixar sen efecto isto nas consideracións xerais, pero mantense como consideración do CES para o artigo 4.

Tamén se contempla que as empresas que reciban fondos públicos en virtude desta lei teñan a obriga de non reducir nin o emprego, nin a produción, en cinco anos. Ao tempo, as empresas que reciban outro tipo de beneficios fiscais teñen que manter até 10 anos a actividade industrial e os postos de traballo.

En salvagarda do interese público, calquera aproveitamento de calquera recurso do país ten que estar unido inescusablemente ao desenvolvemento de actividades con garantías de viabilidade e mantemento de emprego sen poder desvincularse. É dicir, “quen queira aproveitarse dun recurso galego mineiro, eólico ou de auga, ten que ter unha industria asociada e non pode pechar a empresa pero seguir mantendo ese aproveitamento, que deberá pasar á empresa pública galega”, explica o secretario xeral da CIG.

O impacto social e económico na avaliación ambiental, para calquera recurso, ten que ter en conta que o proxecto debe ser aceitado socialmente pola poboación dos concellos afectados; ten que ter en conta o maior impacto socioeconómico positivo de acordo ao establecido no art. 4; e ten que atender tamén a que teñan menor impacto ambiental, considerando, con tal fin, a menor ocupación do solo e da afectación no territorio.

Respecto da declaración de interese público, social e económico na adxudicación de parques eólicos, para as PPAs, establécense unha serie de melloras substanciais, como que as PPAs teñen que durar 10 anos; que se ten que garantir que eses parques eólicos teñen que destinar polo menos o 80% da súa produción ao subministro eléctrico desas empresas e non do 50% e que a empresa que se beneficie dunha vía rápida para obter un parque eólico, ligada a unha PPA, pode seguir mantendo ese aproveitamento, sempre e cando se manteña o emprego neto e a produción na fábrica que abastece de electricidade nun 85%.

Sería a extinguir e revogada a concesión dun parque eólico e retornaría á empresa pública se durante os 10 anos de vixencia dunha PPA pecha o centro de traballo ou se reduce o emprego, ou a actividade, a menos dun 20%.

Outra consideración é que o prazo para a declaración medioambiental ten que ser como mínimo dun mes, non pode ser inferior e ten que se garantir a distancia mínima de 1.500 metros entre muíños eólicos e vías de evacuación en núcleos de poboación.

Tamén impide que os eólicos poidan ir fóra das áreas no plan sectorial eólico e mesmo que ten que haber un novo plan sectorial eólico.

Ao igual que se aproba un canon que teñen que pagar as empresas polas infraestruturas asociadas e as liñas de evacuación das instalacións actuais ou futuras de produción de calquera tipo de enerxía, o ditame do CES recolle que se aplique este canon a calquera instalación e liña de evacuación para levar desde os centros de produción a distribución de enerxía, para compensar o dano que provoca no noso país.

A expropiación para este tipo de instalacións debe ter en conta que recursos renovables vai levar adiante, ao tempo de que rendibilidade vai ter. “Xa está ben de que as expropiacións ás persoas afectadas só sexa polo valor de mercado do terreo, tamén se teñen que ter en conta outro tipo de elementos como este”. Por último considérase conveniente que se mellore o trámite de audiencia na elaboración destes proxectos.

Que anularon a CEG, UUAA e UGT?

Segundo explicou Paulo Carril algunhas cuestións decaen nas consideracións xerais e particulares, pero non anulan as particulares que son as relevantes.

Así, cae que o vento, o sol e os recursos naturais galegos sexan recoñecidos como dominio público galego a fin de que quede claro que a titularidade é pública e galega e que polo tanto, a súa xestión ten que ser xusta.

Tamén se anularon cuestións referidas a incendios forestais e recuperación do territorio afectado, como que se prohibira por dez anos a plantación de eucaliptos; que en tres meses había que ir a un plan galego de plantacións ilegais en terras agrarias e un plan galego de aproveitamento forestal e peche do ciclo produtivo. Emendas non van adiante precisamente porque UUAA tirounas abaixo.

O mesmo ocorreu cos créditos de carbono. Había unha demanda para que non se incluíran as plantacións de eucalipto e doutras especies exóticas como sumidoiros de carbono pero UUAA tamén impediu que isto poida ser unha realidade coa emenda presentada.

Carril amosou a súa especial preocupación pola negación da CEG de atender a proposta sobre eólica mariña, tanto a aprobada en comisión e que a propia Federación Galega de Confrarías apoiaba, así como a emenda que esta Federación presentou “para evitar que en Galiza a eólica mariña poida ser unha realidade polo que afecta aos ecosistemas mariños e a actividade pesqueira”.

Volver