O sector agrario e as contradicións da UE

Antoni Infante -

A loita do sector agrario hoxe, con todas as súas expresións parciais e globais que irán in crescendo, só fai que vaian saíndo á luz algunhas das contradicións inherentes ao sistema. Temos que combater as consecuencias pero tamén e sobre todo as causas

 O mesmo día que miles de agricultores de boa parte de Europa chegaban a Bruxelas e bloqueaban as estradas de Francia, Bélxica, Italia, Portugal, etc., reivindicando poderen vivir dignamente do seu traballo e que a Unión Europea poña fin ao sacrificio do sector agrario para favorecer os sectores comerciais/industriais e sobre todo o sector financeiro, o mesmo día digo, o Consello da UE acorda outorgar outros 50.000 millóns de euros en Ucraína. A inmensa maioría deses euros irán parar ao complexo militar-industrial das potencias europeas e dos Estados Unidos. Despois, xa farán por vestir o acordo de doazón cunha linguaxe humanitaria, pero a crúa realidade é que non se aposta para buscar e forzar a paz, máis ben no contrario, apóstase para incrementar a carreira militarista e guerreira. Para tentar atopar as razóns de fondo, cómpre analizarmos o que foron as políticas dalgúns estados europeos nas últimas décadas, como fixen neste artigo: “O papel de Europa máis aló da COVID-19” e analizar o que significa a realidade do neoliberalismo.

 As políticas neoliberais, ás veces adozadas con eufemismos por exemplo a globalización, liberdade de empresa, mobilidade do capital e as mercadorías, etc., ensaiáronse no Chile ditatorial e asasino de Pinochet, da man dos Chicago Boys, economistas formados maioritariamente na Universidade de Chicago, discípulos de Milton Friedman. Posteriormente, estiveron impulsadas por Margaret Thatcher e Ronald Reagan, firmes defensores políticos do capital financeiro internacional, e asumidas como verdade rebelada pola Unión Europea. Desde aquel consenso imperialista impúxose de boa gana ou polas malas ao resto do mundo. O neoliberalismo, como forma actual do capitalismo, caracterízase –grosso modo– por favorecer a liberdade case absoluta do capital para operar sen controis das institucións públicas, para desregular as relacións laborais coa clase traballadora e para facer pagar ao conxunto da sociedade a meirande parte ou todos os custos ambientais das súas actividades (externalidades, chámanlle). Nestoutro artigo explícaoo con máis detalles: “Da xénese do neoliberalismo ao consenso de Washington”.

 A conclusión de cincuenta anos de neoliberalismo resultou unha grande estafa e polarización entre as elites minoritarias enriquecidas –segundo Forbes en 2023 contabilizáronse 2.640 fortunas billonarias, mentres que en 2022 había 2.668–, e as maiorías sociais empobrecidas até a desesperación -máis de 200 millóns de parados/se e 450 millóns de  de postos de traballo (OIT), máis de 2.000 millóns de persoas sen acceso aos servizos básicos de auga e saneamento (UNESCO), 1.800 millóns de persoas sen vivenda axeitada (ONU hábitat), case 800 millóns de persoas adultas sen lectoescritura (UNESCO), máis de 800 millóns de persoas sufrindo fame (FAO)– cando esta mesma institución recoñece que se producen alimentos para alimentar 12.000 millóns de persoas a razón de 2.700 calorías diarias. Segundo Oxfam durante o 2022, cada 33 horas, un millón de persoas pasaban de ser pobres a moi pobres…(cifras recollidas polo profesor de economía Xabier Arrizabalo publicadas na edición 387 de Información Obrera).

 Ademais do que representan estas cifras, o neoliberalismo tamén acabou desprazando a economía e a política dos estados até o extremo de situar a vida tal como a coñecemos ao pé do abismo. O capital empregou a deslocalización e a liberalización comercial das mercadorías para concentrar os beneficios do capital á custa, como vimos, do empobrecemento absoluto de grandes sectores da poboación mundial e o empobrecemento relativo das clases populares dos países imperialistas. E malia isto, non sae da súa crise porque, a pesar das inxentes cantidades de diñeiro acumulado, non obtén a rendibilidade que necesita para garantir a reprodución ampliada do capital que lle gustaría, obxectivo último dos capitalistas. Isto é así porque, máis aló das operacións contábeis, enxeñaría fiscal, da xeración de capital ficticio, da creación de novas formas do diñeiro, dos paraísos fiscais, etc. ao final, a única fonte de produción de valor continúa sendo o traballo humano material ou inmaterial, e o(s) capital(is) na súa inacabábel carreira para lle gañar a cota de mercado á competencia, impulsou unha tecnificación tal que a achega do traballo vivo (o traballo humano) en cada mercadoría producida, é proporcionalmente menor cada día. Doutra banda, a impresionante tecnificación que coñecemos (resultado do traballo colectivo da humanidade, pero apropiado polo capital), disparou moito a capacidade de producir mercadorías, que o mesmo mercado non é quen de absorber e, polo tanto, o capital non se pode realizar. Así, o neoliberalismo amplía o mercado rompendo as fronteiras, mais ás veces redúceo polo empobrecemento que xera a millóns de persoas. É a pescada que morde o rabo, ou dito doutra maneira, a contradición irresolúbel do capitalismo.

 Pero, para tentar que isto non sexa irresolúbel, e tal como xa fixeron no pasado, os estados centrais do capitalismo, cos EUA á fronte, promoven unha tola carreira militarista e guerras locais ou rexionais, que ademais de provocar vítimas, supoñen a destrución da economía en amplas zonas do planeta. En Europa, os EUA utilizan a guerra de Ucraína para debilitar Rusia, si, mais tamén para eliminar a competencia económica da UE, e xa vemos como o motor industrial que era Alemaña entrou en recesión; a loita de clases en Francia medra de maneira exponencial (tres fortísimas ondas nos últimos meses), paralelamente a como o Estado francés destina máis e máis recursos económicos á militarización; o Estado español, a pesar do goberno «máis progresista da historia», duplicou en 2023 o gasto militar e está a reestruturar a industria militar porque non quere quedar atrás, a pesar de non poder atender o exiguo estado social que temos; en Palestina, o Oriente Medio e África central, para destruír calquera posibilidade de independencia real dos varios países e manter o control occidental dos recursos naturais; en América central e do Sur, mediante a guerra económica nuns países e novas guerras do opio noutros; en Asia, os intentos norteamericanos de xerar novas guerras rexionais, van acompañados da política directa máis belicista posíbel para obrigar a China a que destine cada día máis recursos ao seu rearmamento militar.

 Se o capitalismo naceu vertendo sangue e miseria, nesta última fase do capitalismo neoliberal móstrase decidido a morrer matando. O feito que en Europa queiramos tapar os ollos ante o que está a pasar ou queiramos autoenganarnos, pensando que as nosas democracias liberais, a ilustración e a modernidade farán de muro de contención e nos aforrarán as peores consecuencias, non nos librará da nosa responsabilidade ética na loita para superalo. Nesta disxuntiva o obxectivo dos pobos europeos non pode ser outro que o de traballar en plan de igualdade co resto de pobos do mundo por un modelo diferente que antepoña a vida e a dignidade humana aos intereses do capital. A loita do sector agrario hoxe, con todas as súas expresións parciais e globais que irán in crescendo, só fai que vaian saíndo á luz algunhas das contradicións inherentes ao sistema. Temos que combater as consecuencias pero tamén e sobre todo as causas. Nese senso, lograrmos a plena soberanía dos pobos que hoxe non temos estado propio, sería unha gran achega non só á causa propia, senón que tamén á causa da humanidade!

 

[Artigo tirado do sitio web La Veu del País Valencià, do 6 de febreiro de 2024]

Volver