O persoal do servizo de recollida do lixo e Punto Limpo de Padrón anuncia folga indefinida desde o 27 de marzo

Denuncian as trabas do concello, que nin respondeu para mediar no conflito, nin facilitou un local para a súa comparecencia de prensa

Padrón -

O persoal do Servizo de Recollida do Lixo e do Punto Limpo do Concello de Padrón anunciou esta mañá, en rolda de prensa a convocatoria de folga indefinida a partir do 27 de marzo en demanda de que se retomen as negociacións do convenio colectivo.

Roberto Alonso, da CIG-Servizos, denuncia que malia terlle solicitado por escrito ao concello un local público para poder dar conta aos medios de comunicación das razóns da convocatoria de folga este non o concedeu, o que os obrigou a improvisar a súa comparecencia na entrada do local social.

O representante da CIG agradece aos concelleiros do BNG e do PSOE o seu apoio –sumáronse á rolda de prensa- e o seu compromiso de levar ao pleno este tema. A este respecto, Alonso denuncia que tamén se lle solicitou ao concello, por escrito, que mediara para evitar que se chegara á convocatoria de folga. “Non recibimos sequera resposta”, afirma, “están poñendo trabas até o punto de nin sequera facilitarnos explicar por que se vai convocar”.

O que denuncian é a parálise da negociación do convenio colectivo do centro de traballo, que leva sen negociarse desde o ano 2015. Parálise provocada pola precariedade do contrato da concesión administrativa, que se renovaba de mes en mes co concello o cal imposibilitaba a negociación.

Lembran que o mes de xullo do pasado ano entrou FCC Medio Ambiente e que despois de manter varias xuntanzas con eles non se chegou a acordo. Subliñan ademais o aumento da sobrecarga de traballo desde o ano pasado ao se aumentaren o número de contedores, mais tamén por mor do despedimento dun traballador, polo que hai unha persoa menos no cadro de persoal.

Volver