O persoal do comercio vario manifestarase este domingo na Coruña en demanda dun convenio digno

A Coruña -

As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT teñen convocada unha manifestación para este domingo, 26 de marzo, en demanda dun convenio colectivo digno para o comercio vario da provincia da Coruña. A mobilización sairá ás 12:00 horas do centro comercial Catro Camiños e pasará pola Praza de Lugo, dous dos principais polos comerciais da cidade, e rematará ao final da rúa Real, a altura da rúa Bailén.

O secretario comarcal da CIG-Servizos da Coruña, Roberto Pérez, explica que as traballadoras e traballadoras do sector levan cos salarios conxelados dende 2019 pero a patronal pretende pactar incrementos por debaixo do IPC, non garantindo a recuperación nin o mantemento do poder adquisitivo. E critica que mentres a patronal do pequeno comercio non ofrece nada, "as grandes empresas (como H&M, Mango ou Cortefiel) están desaparecidas".

Na súa última proposta, a patronal ofreceu un incremento do 0% para 2020, do 4% para 2021, do 3,5% para 2022, do 2,5% para 2023 e do 2% para 2024. Con esta oferta, só tomando como referencia os anos 2021 e 2022, nos que  IPC sumou 12,20 puntos, consolidaríase unha perda do poder adquisitivo dos salarios do persoal, que xa ten remuneracións cativas, do 4,7%.

Ademais, para o resto de anos de vixencia, as subas son moi pequenas e cunha cláusula de revisión que non garante o incremento conforme ao IPC real.

A patronal tampouco quere asumir ningunha das reivindicacións da plataforma social en cuestións como a redución da xornada máxima anual, aumento dos descansos, incrementos nos pluses de sábado e tardes, melloras na antigüidade, introducir limitacións á contratación inferior a 24 horas (como xa se recolle noutros convenios provinciais), máis días asuntos propios e mellorar outras licencias.

Pérez denuncia que a patronal aproveitou que tocaba renovar o convenio en plena pandemia para demorar a negociación "e agora non queren dar nada". E neste senso, advirte que as traballadoras e traballadores do sector están moi axitados, en plena disposición de pelexar por un convenio digno, e co referente da loita das compañeiras de Inditex e todo o que lograron, polo que se agarda que a manifestación deste domingo sexa multitudinaria.

Volver