O persoal de URBASER, en folga indefinida, concéntrase diante do Concello de Vilalba por un convenio digno

O goberno municipal mantén os servizos mínimos abusivos cando as festas figuran como festivos no convenio

Vilalba -

O persoal de URBASER, empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria do concello de Vilalba, en folga indefinida desde o pasado día 21 de agosto, concentrouse este mediodía diante do consistorio. A mobilización, en demanda dun convenio digno, coincidiu co primeiro día das festas grandes da vila.

Segundo explica o representante da CIG-Servizos, Xosé Paz, o goberno municipal mantén os servizos mínimos abusivos do 100% decretados para a xornada de hoxe pero trasladou os previstos para o venres para o sábado. “Non ten sentido ningún. O venres hai festa pero o sábado, aínda que haxa algunha actividade, xa non. Por iso cremos que non ten xeito ningún que poñan para esa xornada o 100% de servizos mínimos”.

Ademais, o persoal denuncia que estas datas, o 31 de agosto e o 1 de setembro, figuran no convenio polo que aínda se rexen como festivos, o que, ao seu entender, “fai máis grave que se impoñan uns servizos mínimos como estes”.

Neste sentido, Paz rexeita a actitude do concello por vulnerar o dereito a folga do persoal de URBASER. Considera que isto vén confirmar que “se puxo do lado da empresa” e lémbralle ao goberno municipal que “é responsable das empresas que ten externalizadas e de que estas cumpran co seu persoal”.

En folga por un convenio digno

Co convenio caducado desde o ano 2020, o persoal da concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria de Vilalba leva desde o pasado mes de abril intentando negociar un novo convenio colectivo.

Ademais de certas melloras sociais, o que demandan son salarios dignos, porque están ingresando agora 300€ líquidos menos ao ano que en 2011. Unha perda de poder adquisitivo que alcanza o 26-27% se a isto se lle engade o IPC desbocado destes anos.

Na última xuntanza coa empresa esta propuxo incrementos salariais do 4% para 2023; do 3% para 2024 e doutro 3% para 2025, pero ningunha suba para os anos 2021 e 2022, precisamente nos que máis subiu o IPC.  A avogada da empresa aínda chamou este martes para saber se valoraran esta proposta que o persoal rexeita porque imposibilita recuperar o poder adquisitivo.

Volver