O persoal de seguridade de Reganosa e Forestal aínda ten pendente de cobrar máis de 40.000 euros en salarios

Ferrol -

A CIG-Servizos continúa a denunciar os abusos acontecidos na contratación de empresas de seguridade que prestan servizos nas empresas do Grupo Tojeiro, como Reganosa ou Forestal del Atlántico. Nestas, a continuada marcha de empresas, cada unha peor que a anterior, levou a que quedara sen abonar ao persoal a liquidación devindicado logo de abandonar o servizo por unha acusada falta de liquidez e tras numerosos problemas legais de toda índole, abocando a dito persoal a iniciar as respectivas demandas de reclamación de cantidades.

Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos, explica que as cantidades das que pode ter coñecemento a CIG ascenden a máis de 23.000 euros ao persoal de Reganosa e case 17.000 euros ao de Forestal del Atlántico, tendo en conta que poderían faltar cantidades referidas a compensación de custos (quilometraxes ou exercicios de tiro) e todas aquelas cantidades que podan escapar ao coñecemento da central sindical, co cal a cifra manifestada podería ser moito maior.

"O certo é que máis de dous meses despois da marcha da última empresa (GFS Security Group) a situación coa nova empresa non é mellor. A falta de comunicación co persoal e incluso coa infausta GFS fai que a nova explotadora dos servizos (Norvik Security) descoñeza as condicións de traballo e salariais máis beneficiosas que parte do persoal ten, enviando recibos de nóminas errados onde faltan cantidades", alerta. Por este motivo tense que solicitar a rectificación a un correo electrónico "non existindo persoa física á que poder facer dita reclamación, o cal dificulta calquera comunicación coa empresa".

A CIG continuará a denunciar publicamente a situación que está a sufrir todo o persoal afectado polo conflito, e continuará a programar todas cantas accións de carácter sindical sexan necesarias para visibilizar a problemática destes traballadores e traballadoras.

Volver