O persoal de extinción de incendios forestais da Xunta reclama un acordo que regule as súas condicións de traballo

A CIG-Autonómica presentou unha queixa na Valedora do Pobo para que paralice as actuacións contrarias a dereito da Consellaría de Medio Rural nesta materia

Nacional -

Responsábeis do sector de Autonómica da CIG-Administración presentaron hoxe xunto a delegados/as e traballadores/as do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) da Xunta de Galiza unha queixa diante da Valedora do Pobo en Santiago para reclamarlle que inste a negociación urxente dun acordo marco regulador das condicións de traballo do persoal e paralice todas as actuacións contrarias a dereito da Consellaría do Medio Rural.

A secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, advertiu do “caos” existente no operativo de extinción de incendios da Xunta como consecuencia de ter funcionarizado arredor de 500 traballadores/as sen regular antes as súas condicións laborais e denunciou que a Dirección Xeral de Defensa do Monte está a mudar fórmulas de traballo, protocolos e funcións do persoal mediante o envío de circulares. “Isto fai que a situación sexa insostíbel, polo que vimos de demandarlle á Valedora que inste a que haxa unha negociación e se paralice este ‘ordeno e mando’ da Consellaría”.

A situación afecta directamente a uns 500 traballadores/as e indirectamente a outros/as 2200

Burgos explicou que este recente proceso de funcionarización deixou os traballadores/as afectados/as fóra do V Convenio Colectivo Único e o seu anexo de aplicación para o persoal do SPIF. “Esta falta de regulación de case a metade do servizo afecta por extensión ao resto dos 2200 bombeiros/as forestais cos que comparten brigada, medios e traballo na extinción de incendios forestais o que por en risco de forma directa o servizo público e a saúde e seguridade do persoal”.

Esixencia noormativa

Neste senso, censura que tanto a Consellería do Medio Rural como a de Facenda e Administración Pública ignorasen a solicitude feita pola CIG, como organización sindical maioritaria, para negociar as condicións laborais con carácter previo á funcionarización, “proceso que ademais tivo lugar o pasado 3 de xullo, xusto ao comezo da campaña de incendios forestais e sen prever as consecuencias que para o desenvolvemento do servizo ía ter a falta de regulación de funcións e dereitos laborais de case unha terceira parte do persoal”.

Xunto á solicitude de negociación a central sindical CIG enviou tamén unha proposta de acordo marco regulador na que contemplaba a conexión do servizo e a convivencia do persoal funcionarizado e laboral para garantir a viabilidade do servizo e que fora negociada mediante os procesos de negociación colectiva do persoal empregado público no marco da Mesa Xeral de Empregados/as Públicos/as.

De feito, na propia Lei de Emprego Público de Galiza recóllense como materias obxecto de negociación para o persoal funcionario as que afecten a retribucións e condicións de traballo do persoal funcionario, e especificamente as relativas a calendario laboral, horarios, xornadas, vacacións, funcións, etc. “No caso do persoal do SPIF, estas condicións son específicas e teñen que ser obxecto dun proceso de negociación colectiva que derive nun acordo de condicións de traballo no que se regule o servizo, as funcións e os dereitos laborais derivados desta prestación especial”.

Risco para o persoal

Mais a Consellería do Medio Rural, “ignorando a norma e a necesidade de negociar este acordo, impón mediante circulares que mudan directamente o protocolo de funcionamento habitual para asignar funcións e responsabilidades que até o de agora non eran propias deste persoal”. Circulares que non son nin negociadas nin tan sequera comunicada ás organizacións sindicais, aos comités de empresa ou ás xuntas de persoal. “Como tampouco foi negociado o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA) a pesar de que introduce novas funcións, tarefas e organización territorial.

“Este proceder habitual da Consellaría de regular condicións de traballo e funcións sen negociación colectiva non se pode volver a repetir, tendo en conta o grave risco que supón para o persoal empregado público que desenvolve tarefas de extinción de lumes, polo que non nos queda outra que acudirmos á Valedora con carácter previo a outras vías pola dificultade e lentitude legal que supón o amparo xudicial cando hai implicado persoal funcionario e a urxencia de ter iniciado a campaña de incendios de 2023 nestas condicións”, remata.

Volver