A CIG denuncia a “deriva” do servizo de extinción de lumes forestais e reclama a súa reordenación

Afirma que nos últimos días houbo que desprazar medios a máis de 100 quilómetros

Nacional -

A CIG-Administración Autonómica amosa a súa estupefacción polas declaracións do Conselleiro de Medio Rural que, ante os lumes que tiveron lugar en días pasados e que provocaron o desaloxo de familias pola proximidade a núcleos poboacionais, afirmou que foran provocados por “desalmados”. Declaracións que considera que non son froito da improvisación, senón máis ben dunha estratexia de comunicación para desviar a atención ante a deficiente xestión na política forestal e máis concretamente na política de prevención e extinción de incendios forestais.

Na Galiza seguimos sen unha política preventiva e unha ordenación do territorio coherente. A día de hoxe inda non están completas as faixas primarias, secundarias e terciarias de xestión de biomasa, como son a proximidade dos núcleos poboacionais, ou as faixas nas estradas e autoestradas. Existe unha total e absoluta descoordinación entre os diferentes organismos con responsabilidades en política forestal e de prevención de incendios forestais como son AGADER, Dirección Xeral de Planificación Forestal e a Dirección Xeral de Defensa do Monte.

Trasladar medios a 100 quilómetros

Cada vez é máis o persoal do Servizo de Prevención contra os Incendios Forestais que amosa a súa preocupación pola deriva do propio servizo. Tal é así que, segundo denuncia a CIG-Administración Autonómica, estes días foi preciso desprazar os medios a máis de 100 quilómetros para realizar a extinción dos lumes, reducindo enormemente a súa eficacia e operatividade. Como exemplo lembran o acontecido no incendio forestal de Avión, onde se desprazaron brigadas do Distrito de Verín-Viana, deixando  descuberto este último e onde acabou producíndose un incendio de 200 Has.

Por iso, a CIG-Administración considera que é preciso acometer cambios e contar xa cun servizo 100% público, estable, profesionalizado, cunha ampla presenza no territorio e con formación completa e específica para a nova tipoloxía de lumes, cada vez máis virulentos e con condicións ambientais cada vez máis extremas. Denuncia que, porén, a Consellería de Medio Rural “segue actuando con secretismo e opacidade” e que desde a Dirección Xeral de Defensa do Monte estanse creando e implantando estruturas e protocolos sen ningún tipo de negociación, coma xa aconteceu no caso das UDEX (Unidades de Extinción de Incendios Forestais) ou do PLADIGA.

E todo isto acompañado dunha proposta de reordenación do servizo de incendios onde se propón reducir case á metade o persoal responsable da coordinación e da propia dirección da extinción dos lumes forestais. Tendo en conta ademais que uns 1000 traballadores/as do servizo traballan só 6 meses ao ano.

Diante disto, a CIG-Administración Autonómica reclama do Presidente da Xunta de Galiza que “non se poña de perfil e tome medidas ao respecto, nun asunto que tantos recursos públicos absorbe, ademais da importancia económica, social e ambiental que representa a loita contra os incendios forestais e a xestión forestal coma sector estratéxico na economía galega. De pouco serve publicar leis si despois non se cumpren”.

Volver