O medre do paro e a eventualidade, xunto coa caída da afiliación, confirman o fracaso da reforma laboral

O 60% das persoas desempregadas son mozas, o que as imposibilita para ter unha vida digna

Nacional -

Galiza foi a terceira comunidade onde máis medrou o paro no mes de setembro, que rematou cun total de 130.643 persoas desempregadas, 2.918 persoas máis (+2,3%) que no mes de agosto. Un incremento só superado por Estremadura e Asturias no conxunto do Estado español. Ademais, a caída da afiliación media á Seguridade Social, duplicou o medre do desemprego, con 6.799 persoas afiliadas menos que no mes de agosto, o que sitúa a afiliación media en 1.071.110 persoas. Cifras que para o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, “confirman o fracaso da reforma laboral”, mais tamén o dun modelo económico baseado no turismo.

Xunto a isto, e vendo os datos de afiliación á Seguridade Social, González Sío cuestiona a suposta estabilidade no emprego que ía traer consigo a reforma laboral, porque “o que está pasando é o mesmo que ocorría antes da súa aprobación. Vemos como o sector servizos, e neste caso a hostalaría e o persoal de contratos eventuais perden o seu posto de traballo cando remata o período estival”.

Mercado laboral precario

Diante deste panorama, o secretario confederal de Emprego denuncia que “seguimos tendo un mercado laboral moi precario, baseado na temporalidade, en sectores onde cando hai unha alta afluencia de turistas dáse tamén unha alta demanda de emprego, pero que teñen un período de fin”.

Con todo, salienta que a situación sería peor se non tivera aumentado tanto a contratación en Educación, o que tamén dá unha idea da inestabilidade neste sector, porque daquela estariamos de case 10.000 persoas menos afiliadas á Seguridade Social. Unha situación que relaciona ademais coa contratación de fixos discontinuos.

Neste sentido afirma que “non só a reforma laboral non resolveu o problema da precariedade, senón que trouxo novas formas de precariedade” con esa modalidade de fixos discontinuos. Por iso denuncia que “non podemos chamarlle emprego estable a aquel no que as persoas non saben canto tempo van poder traballar e unha parte importante do tempo van estar cobrando o desemprego, se o teñen, ou intentando buscar un posto de traballo pese a ter a condición de indefinidos”.

Por iso reitera que “a reforma laboral é un auténtico desastre”. Unha situación que entende que se puido ir constatando mes a mes e que confirma que “ter contrato indefinido non significa ter contrato estable e, polo tanto, unhas condicións de vida e de traballo dignas”.

Mocidade: o 60% das persoas desempregada

Se o mercado laboral é precario para a clase traballadora galega no seu conxunto, máis o é para a mocidade. O 60% das persoas desempregadas son xente moza, “co que se constata a imposibilidade que teñen de poder ter unha vida digna”, afirma González Sío quen desmonta ademais a falacia de que desapareceu a modalidade contractual eventual cando os datos din que hai 16.000 contratos eventuais máis que a principios de ano. “O que desapareceu foi o contrato de obra e servizo, que pasou a chamarse fixo discontinuo, mais o certo é que todo segue igual”.

Derrogación das reformas

Por iso o secretario confederal de Emprego clama por un cambio no modelo económico. “Un cambio no que apostemos por unha economía onde teña peso moi forte a industria e onde haxa actividades que cren emprego estable, porque o que non pode ser é que estes vaivéns do emprego se sucedan sempre, de forma cíclica, cada vez que acaba a tempada de verán”.

Canda isto reclama do goberno que faga “propósito de emenda, recoñeza o grave erro que cometeu aceptando esta reforma patronal, que non arranxou absolutamente nada e que o diálogo social santificou demostrando a súa inutilidade para conseguir unhas condicións de traballo e de vida dignas”.

Por iso insiste na necesidade imperiosa de que se derroguen as reformas de 2010 e 2012 para volver ao marco laboral anterior, que era o que creaba emprego con salarios dignos e con estabilidade.

Volver