A contratación precaria de mulleres no sector Servizos, polo tirón do turismo, fai descender o paro en Galiza

A CIG reclama mudar un mercado laboral dependente da contratación estacional, do Camiño de Santiago e de festividades como a Semana Santa

Nacional -

Muller, cun contrato fixo descontinuo, a tempo parcial, no sector Servizos e na provincia da Coruña. Ese é o perfil maioritario das persoas contratadas en Galiza en marzo. Un período no que a celebración da Semana Santa e o Camiño de Santiago tiraron do turismo, o que propiciou que o paro descendera en 1.572 persoas, rematando o mes cun total de 129.011 persoas desempregadas rexistradas no SEPE, un 1,2% menos que no mes anterior.

Os datos confirman que a caída do desemprego foi, fundamentalmente, entre as mulleres, xa que o 81% do descenso rexistrouse entre elas; no sector Servizos, onde a redución do desemprego foi do 96% e na provincia da Coruña, onde se rexistrou o 50% desa baixada.

Parello a isto medraron tanto os contratos indefinidos, como os parciais, producíndose o maior incremento, un 5,6% máis que no mes anterior, entre os fixos descontinuos. De feito, o 31% das novas afiliacións á Seguridade Social correspóndense con esta modalidade.

Por iso o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío considera que estes datos veñen demostrar, un ano máis, que son a Semana Santa e o Camiño de Santiago os que marcan que o paro suba ou baixe. “Ten que ver con este modelo baseado na estacionalidade no emprego e na contratación precaria”, denuncia.

González Sío chama ademais a atención no medre da contratación a tempo parcial e, con este cóctel debulla un mercado laboral no que “os traballadores e traballadoras están ao dispor dos incrementos ou baixadas da demanda no sector Servizos, xa de por si precario e estacional”.

Isto implica que as e os traballadores, “ademais de non ter un traballo durante todo o mes tampouco teñen un salario completo, co cal a estacionalidade e, polo tanto, a falta de ingresos aumenta”.

Un modelo precario que se ceba nas mulleres

Por iso cuestiona o triunfalismo do goberno, que contrasta coa grave situación “que sofren as persoas traballadoras no seu día a día, e confirma a enorme febleza do mercado laboral”. Un modelo precario, que depende da chegada de turistas, e que se esfarelaría de se producir calquera problema económico que retraera o sector, provocando un aumento do paro de forma repentina.

Neste contexto, e tal como se tira dos datos, as mulleres son as máis prexudicadas, porque son as que máis contratación fixa descontinua e a tempo parcial teñen, e, segundo advirte, serían, polo tanto, “as principais damnificadas en caso de recesión”. Por iso considera que “é inasumible”, porque “teñen que ter unha xornada que lles cubra o mes para ter un salario, condicións de traballo dignas e poder organizar a súa vida laboral e familiar” e denuncia que é precisamente isto o que está a provocar que, no canto de se reducir, as fendas aumenten, “non xa a salarial, senón tamén a fenda de precariedade”.

O secretario confederal de Emprego conclúe reclamando un cambio de modelo “agora que se pode”, porque, ao seu entender, un eventual cambio de goberno “empeoraría e acentuaría as reformas e recortes que xa estamos a sufrir”.

Volver