O hotel Eurostars Isla de la Toja presenta un ERE para o persoal que non acepta coller as vacacións en xaneiro

Dende o comité denuncian que se trata dunha chantaxe e esixe a retirada do expediente

O Grove -

A dirección do hotel balneario Eurostars Isla de La Toja (Grupo Hotusa) comunicou o pasado venres a inicio dun ERE extintivo para o persoal que non aceptou coller as vacacións en xaneiro, xa que a empresa pretende pechar durante ese mes e quere que os traballadores/as regresen ao seu posto coas vacacións xa consumidas. Dende o comité de empresa (4 delegados/as da CIG e 1 da UGT) denuncian que se trata dunha chantaxe, tendo en conta que a compañía ameazou primeiro con pasar a fixo descontinuo o persoal que non accedese a gozar das vacacións nese período, e despois optou por anunciar o ERE para estas persoas.

O responsábel da CIG-Salnés, Xoán Xosé Bouzas, compareceu onte en rolda de prensa xunto aos catro representantes da central sindical no comité para denunciar este “abuso de poder” por parte da empresa e esixir a retirada do expediente que suporía o despedimento das persoas que non aceptaron “a chantaxe e as coaccións”, entre elas a maioría dos membros da representación sindical. 

O anuncio do ERE coincide coa negociación (sen acordo) do calendario laboral do ano que vén

Bouzas explicou que o anuncio da tramitación do ERE produciuse en plena negociación do calendario laboral do ano que vén, precisamente cando hoxe mesmo ten lugar a mediación laboral no AGA para intentar solucionar o desacordo existente sen conflito. “A empresa aposta por continuar coa mesma política de pechar o establecemento durante o mes de xaneiro que levou a cabo durante os últimos anos, primeiro por obras e logo pola pandemia, e agora por decisión empresarial”.

E pretende que o cadro de persoal (sobre 50 traballadores/as: 30 fixos/as, 17 fixos/as descontinuos/as e o resto eventual) goce das vacacións neste período e traballe ininterrompidamente o resto do ano. “Todas aquelas persoas do colectivo de fixos/as que se negaron a aceptar foron ameazadas con pasar a fixas descontinuas, e as que non transixiron con isto irán ao ERE extintivo”.

Por iso a representación sindical considera que se trata dunha decisión ilegal, xa a presentación do ERE non ten causas xustificadas senón que se trata dun intento de “amedrentar” o persoal para que “acepte” a chantaxe da empresa. “De paso fan unha limpa da xente da CIG, porque nas eleccións sindicais a empresa apostou de forma decidida polo outro sindicato e saíulle mal a xogada”, sostén.

Volver