Nova xornada de folga nos centros de chamadas por un convenio digno

Nacional -

Traballadoras e traballadores dos centros de chamadas volveron colgar este luns os cascos para exixir un convenio digno e con dereitos. Despois de tres anos de negociación e preto de 30 reunións, a patronal teima na súas propostas de miseria que condenan o persoal á precariedade laboral e salarial. Por iso, hoxe secundaron esta nova xornada de folga, na que a CIG tamén realizou concentracións na Coruña e Vigo.

Dous anos co salario conxelado, contratación en precario, xornadas parciais ou teletraballo mal compensado son algunhas das condicións que caracterizan o sector dos centros de chamadas. Un sector xa consolidado pero que a patronal pretende manter na máis absoluta precariedade. A representación da CIG denuncia que dende o inicio das negociacións para o novo convenio, a patronal apenas se moveu nas súas posicións, pero "continúa alongando as negociacións con propostas ridículas que non avanzan en dereitos".

Critican que a oferta patronal supón a conxelación salarial para 2020 e 2021 (cando só neste ano o IPC rematou no 6,5%), unha suba do 3% para 2022, 2023 e 2024 (sen revisión de ningún tipo), e para 2025 e 2026, propoñen alzas do IPC, pero topando o incremento máximo no 3%. "Só sumando os anos 2021 e 2022 xa acumulamos unha perda da nosa capacidade adquisitiva de case o 15%. E con esta proposta non só non recuperaríamos o poder adquisitivo, senón que nos perpetuará na pobreza até 2027", denuncian.

Parcialidade e precariedade na contratación

Pero ademais da cuestión económica, a patronal quere consolidar a parcialidade na contratación xa que na súa proposta só se recolle un 20% de xornadas a tempo completo e que o 30% dos cadros de persoal poderían estar contratados a xornada inferior de 30 horas.

En canto á estabilidade laboral, logo do revés xudicial que decretou ilegais os contratos por obra neste sector, a patronal quere recorrer á figura do contrato fixo-discontinuo para perpetuar a precariedade. Unha intención á que a represión da CIG se opón xa que "esta modalidade non ten cabida no sector dos centros de chamadas".

 "Seguen na teima de empeorar a duración máxima do período de inactividade que estabelece o Estatuto dos e das Traballadoras cunha fórmula que o estabelecería entre tres e seis meses en función da antigüidade e, para completar esta apartado, queren que permitamos as xornadas parciais neste tipo de contrato, algo que só se pode facer se o regulan por convenio", alertan.

O teletraballo, sen compensación xusta

A isto hai que engadir que cativeira proposta para a compensación do teletraballo presentada pola patronal que constitúe "a peor proposta de todos os convenios colectivos asinados até o día de hoxe", pois ademais só se abonaría dende a sinatura do convenio.

"O teletraballo hai que pagalo, pero a un prezo xusto e non dende que se asine o convenio, senón dende que nos mandaron ás nosas casas para salvar os seus beneficios, seguir enchendo as súas arcas, e que puidesen facer reparto de dividendos, ano tras ano, entre os seus accionistas".

Por todas estas razóns, a CIG convocou esta nova xornada de folga no sector "para que a patronal comece a mover o marco de negociación cara as propostas da parte social" e poder avanzar cara a un convenio colectivo que realmente recolla condicións laborais e salariais dignas e recoñeza a profesionalidade das traballadoras e traballadores do sector.

Volver