A FCM-CIG quenta motores cara á folga da construción por un convenio galego

Delegados e delegadas da central concentráronse en Carballo diante da empresa do presidente da patronal galega

Nacional -

Delegados e delegadas da CIG na construción mobilizáronse este xoves en Carballo diante das instalacións  da empresa Vázquez Reino, propiedade do presidente da federación galega da construción. A protesta enmárcase nas accións previas á xornada de folga que a FCM-CIG ten convocada na construción para o 5 de novembro en reivindicación dun marco galego que blinde os convenios provinciais e permita avanzar naquelas condicións e materias (como salarios e xornada) que a día de hoxe están reservadas ao convenio estatal.

Atendendo á modificación lexislativa que prioriza os convenios e acordos interprofesionais autonómicos sobre os estatais-, a CIG leva máis dun ano tentando reunirse coa patronal galega da construción para abordar esta posibilidade, sen obter resposta. Esta actitude obstrucionista levou a FCM-CIG a iniciar un calendario de mobilizacións e buscar un achegamento tamén a través do Consello Galego de Relacións Laborais. “As poucas respostas que houbo, sempre por terceiros, foi que para negociar un convenio galego da construción non pode estar a federación da Construción da CIG”, salienta o seu secretario nacional, Plácido Valencia.

O responsábel da FCM-CIG valora que avanzar nun acordo galego permitiría mellorar as condicións de traballo, superar as limitacións que impón a negociación do convenio en Madrid e facer máis atractivo un sector “no que a patronal leva anos queixándose da falta de man de obra”.

“A xente nova non quere ir para este sector por dúas cuestións fundamentais: os baixos salarios e as extensas xornadas laborais. Neste país, na construción fanse por riba das 40 horas semanais e na maioría dos casos, horas extraordinarias que nin sequera son retribuídas, tamén nas grandes empresas e na obra pública”, critica Valencia.

Apunta que non se entende a negativa da federación, cando nas mesas de negociación provinciais a propia patronal se queixa das imposición pactadas en Madrid, e que son de obrigatoria aplicación. Imposicións como a implantación dos plans privados de pensións, que supón subtraer cartos das e dos obreiros para nutrir un fondo de xestión privatizada, ou a existencia mesma da Fundación Laboral da Construción.

Pola contra, incide Valencia, avanzar nun marco galego reforzaría a seguridade xurídica da negociación provincial, ao evitar o que aconteceu co convenio da construción de Pontevedra ou co de pintura da Coruña, que foron impugnados pola patronal estatal por recoller melloras por enriba do marco estatal.

Por iso, chama a todos os traballadores e traballadoras do sector a secundar a folga do día 5 e saír á rúa “berrar alto e claro que queremos un convenio e un marco galego, que queremos negociar aquí as nosas condicións de traballo. Os convenios provinciais non poden seguir atados ao que se decida en Madrid e que non nos deixa avanzar en dereitos e salarios”.

Volver