Mercadona retíralle o complemento de IT e négalle a concreción horaria a unha traballadora vítima de violencia machista

A Coruña -

A CIG realizou unha concentración este mércores diante do supermercado que Mercadona ten na Ronda de Outeiro da Coruña para denunciar a actuación da empresa cunha traballadora vítima de violencia machista á que lle retirou o complemento de IT no primeiro mes de baixa e á que despois lle denegou o dereito á concreción horaria para poder coidar das súas crianzas.

O maltrato sufrido pola traballadora provocoulle un deterioro severo da súa saúde que a levou a coller unha baixa. Pero a Mercadona, e á entidade externa que ten contratada para controlar e perseguir o persoal que cae enfermo, pareceulle que a situación desta traballadora non era tan grave e de maneira unilateral, no primeiro mes da baixa, retiroulle o complemento que paga nos casos de incapacidade temporal por continxencias comúns, segundo o convenio colectivo.

Esta medida supuxo que a empregada deixara de ingresar 400 euros e se vira na obriga de solicitar a alta voluntaria, en pleno proceso depresivo e contra o criterio do médico do SERGAS, porque "non podía alimentar a súa familia", denunciou Leny Vila, delegada da CIG, durante a concentración.

Por se non fora abondo, cando a traballadora se reincorporou ao seu posto pediu unha redución da xornada laboral "pero Mercadona negoulle a concreción horaria que solicitaba, ofrecéndolle uns horarios que non responden ás súas necesidades e non lle permiten coidar das súas crianzas".

Vila subliña que a empresa ten toda a documentación que acredita a grave situación desta compañeira, "sabe o mal que o está pasando e aínda así dálle igual. Non queríamos chegar a este punto, pero a actitude de Mercadona non nos deixa outra: queremos a sociedade saiba que a imaxe que a empresa publicita non ten nada que ver coa realidade que hai nos centros de traballo”.

De aí que o lema escollido para esta protesta sexa "Mercadona cómplice do maltrato" pola nula sensibilidade da empresa ante a durísima situación persoal da traballadora, por antepoñer o aforro económico á protección da muller e "por non cumprir sequera co estabelecido no seu propio plan de igualdade", facendo da traballadora tamén unha vítima do patriarcado no ámbito laboral.

Volver