Galiza pola Paz mobilízase contra o imperialismo e o rearmamento da Unión Europea
Celebráronse concentracións en todas as cidades galegas nas que se exixiu a paralización inmediata do aumento do gasto militar
Nacional -
A plataforma Galiza pola Paz convocou hoxe mobilizacións nas principais cidades galegas para denunciar os avances do imperialismo e os plans de rearmamento da Unión Europea, que ameazan a paz mundial e teñen graves consecuencias para o pobo galego. A plataforma denuncia as agresións recentes dos Estados Unidos, a obsesión europea por unha hipotética guerra no leste e exixe a paralización inmediata do aumento do gasto militar.

Ao remate das concentracións deuse lectura a un manifesto no que a plataforma lembra que só nos últimos dous meses e nun contexto de guerra comercial “contra todo o mundo agás os lacaios”, os Estados Unidos bombardearon Nixeria baixo o falso pretexto de debilitaren o ISIS na rexión; atacaron a República Bolivariana da Venezuela, secuestrando o presidente Nicolás Maduro e a deputada Cilia Flores; recrudeceron a asfixia económica contra Cuba reforzando o bloqueo e ameazando con arancéis máis altos a quen vender petróleo á Illa; anunciaron unha infame “xunta de Paz” para administrar Gaza onde o xenocida Benjamin Netanyahu terá unha cadeira e ameazan agora a República Islámica de Irán con ataques masivos para forzaren o seu sometemento ás axendas de Washigton e Tel-Aviv.
A este respecto subliña que Irán xa foi atacado no pasado mes de xuño, “sen que aínda se nos teña explicado por que ou en resposta a que agresión previa”. Ademais, os Estados Unidos veñen de anunciar que tomarán Groenlandia pola forza se non a conseguen anexar doutro modo, violando non só o dereito do pobo groenlandés á súa soberanía, á súa terra e aos seus recursos, senón todo o dereito internacional, e chegando a ameazar a propia arquitectura de relacións internacionais cos seus aliados imperialistas na Europa Occidental.
Lamenta ademais que “só isto último acendeu os alarmes da Unión Europea, que se presenta agora inxustizada pola cobiza e o desprezo ás normas de Donald Trump, mais que carece de vontade política para se desligar dos Estados Unidos e do sistema imperialista que pretenden conservar a calquera prezo”.
Cambio de modelo
Fronte á versión de que o problema é que os Estados Unidos teñen un presidente caprichoso, con comportamentos mafiosos, Galiza pola Paz considera que estamos diante dun cambio de modelo que ten implicacións no plano das relacións internacionais, que deita ao lixo a aparencia de normalidade da chamada “orde internacional baseada en regras” e que se abandona á lei do máis forte.

Alerta de que isto ten consecuencias directas para os pobos, incluído o noso. “Estamos diante dunha aceleración sen precedentes do imperialismo, xusto cando o seu dominio case absoluto das últimas décadas está máis en risco pola aparición de novas estruturas multipolares capaces de viviren á marxe da orde piramidal que xurdiu do final da Segunda Guerra Mundial”.
RearmEurope
A plataforma afirma que mentres todo isto acontece, os membros da UE (o Estado español entre eles) continúan obsesionados cunha hipotética guerra polo leste, e con “prepararnos” para ela, sen debate público e practicamente sen oposición.
Denuncia que baixo a lóxica desa obsesión, en lugar de apostar nas vías diplomáticas e nas relacións libres e en pé de igualdade entre os pobos, a Unión Europea lanza o programa RearmEurope para que os estados membros gasten un diñeiro que non teñen en comprar armamento e tecnoloxía militar aos provedores de sempre: 800 mil millóns de euros a máis dos que xa se invisten cada ano nos orzamentos de guerra, e que só poden destinarse á mal chamada defensa se previamente son retirados das partidas da sanidade, do ensino, das pensións ou dos servizos sociais ou da loita contra o cambio climático.
Os custos para Galiza
Respecto a Galiza, sinala que xa soportamos arredor de 1.800 millóns de euros por ano destinados ao gasto militar. “Co plano RearmEurope, teríamos que sumar aínda 4.800 millóns máis. Son cantidades enormes, que só se poden comprender por comparación: 4.800 millóns de euros daría para financiar toda a sanidade pública durante un ano”.

Asegura que esas cantidades permitirían cubrir case dous anos de todo o gasto actual en ensino público. Esa cantidade multiplicaría por cinco o orzamento en políticas sociais. Ou serviría para construír 40.000 vivendas públicas. Ou representaría un investimento 15 veces superior ao orzamento destinado a políticas ambientais para unha transición ecolóxica xusta.
Advirte de que “hai quen xa se adiantou suxerindo un novo imposto para financiar este gasto militar desproporcionado. Como se deste modo non se estivese igualmente substraendo diñeiro das clases populares para financiar o complexo industrial-militar. E todo isto no medio doutro incremento de gasto exixido pola OTAN, que o goberno español declarou que se negaría a executar, pero que está a satisfacer por fases para evitar a erosión da súa imaxe pública”.
Galiza por Paz alerta tamén de que este gasto militar “desatado” vai de mans dadas cun “proceso de militarización da sociedade que xa está en marcha desde hai anos e que agora se acelera aínda máis”. Nese sentido apunta que non é casual que países como Suecia, Letonia ou Croacia estean a reinstaurar o servizo militar obrigatorio. Tampouco que esta opción estea sobre a mesa na Alemaña, na Franza, en Polonia e en Bélxica, baixo diferentes fórmulas.
A isto engade que “non é casual que os Estados como o español teñan aprobado lexislación específica como a chamada Lei de Seguridade Nacional que permitiría a conscrición e mobilización obrigatorias en caso de guerra, e en paralelo teñan aprobado fórmulas como a Lei Mordaza en paralelo ás estratexias de censura dixital que está a implementar a Unión Europea”.

Considera, canda isto, que tampouco son casuais os esforzos por normalizar a presenza do exército nas rúas e na vida pública, colocándoos en zonas de grande afluencia para, supostamente, velar pola nosa seguranza, usándoos para tarefas como a axuda de emerxencia ou a extinción de incendios, etc. Para esas funcións existen xa outros servizos públicos. “Os desfiles militares e toda a parafernalia previa de xuras de bandeira, exposicións de equipamento militar, palestras e outros actos, como os que se celebrarán en Vigo este vindeiro mes de maio, tampouco son casuais. E tampouco o é o crecemento do fascismo e da agresividade militarista neste contexto”, afirma.
Extracción de materiais críticos
Tampouco é casual, para a plataforma, a proliferación de planos para extraer, do noso país, recursos minerais críticos para industria militar: das terras raras da serra do Galiñeiro, da Gudiña, de Doade ou da Penouta ás fibras de celulosa de alta pureza que o monstro de Altri pretende fabricar no noso país e que teñen, tamén, aplicacións militares.
“Non podemos consentir que todas estas industrias extractivas estean a ser aprobadas con rebaixados requisitos de impacto ambiental só porque responden a exixencias estratéxicas do plano de rearmamento europeo e sen ter en conta o resto da actividade económica do noso pobo e as afectacións e contaminación directa que producirán. E tampouco que o estado español continúe a sumar instalacións militares no noso país para seren postas ao servizo da OTAN e da súa axenda de agresión imperialista”.

Por iso, entende que é necesario insistir en que “en medio da guerra mediática por normalizar a guerra e estender o medo, corre o risco de ser perdida de vista: desviar 800 mil millóns de euros para a industria de guerra non vai mellorar as nosas vidas. Converter nunha colonia extractiva o noso país e nunha plataforma militar as instalacións militares españolas na nosa terra, tampouco. E militarizar a sociedade seguindo os intereses do imperialismo e aboando o terreo para o fascismo, tampouco. Ao contrario, facer isto quitaranos dereitos para defender a nosa terra e soberanía sobre os nosos recursos naturais, e impediranos participar directamente na construción do noso futuro”.
Demandas
A plataforma Galiza pola Paz exixe:
- A paralización inmediata do aumento do gasto militar e o rexeitamento do plano RearmEurope. Nin un euro máis para a industria da guerra imperialista.
- A saída do Estado español da OTAN e o regreso das tropas despregadas en misións da OTAN.
- Unha política exterior baseada no respeito ao dereito de autodeterminación, a soberanía dos pobos e nacións, garantindo así unhas relacións en pé de igualdade, cooperación e paz.
- E o dereito do pobo galego a decidir libremente o seu papel no mundo, para deixar de ser usada como colonia extractiva de recursos para a guerra ou como plataforma militar.

