Resistencia e Soberanía: Cuba e Venezuela contra a hexemonía dos Estados Unidos

Luciano Vasapollo -

A renovada alianza entre Cuba e Rusia, os sinais multilaterais dos BRICS e a firme resistencia de Venezuela fronte ás agresións híbridas e ás presións económicas representan unha proba de fogo crucial para o futuro da política internacional

 A visita do ministro do Interior de Rusia, Vladimir Kolokoltsev, á Habana non é un feito casual ou rutineiro, senón o signo tanxíbel dunha renovada e determinada alianza entre Cuba e Moscova, nun momento no que as presións políticas, económicas e militares dos Estados Unidos pretenden reescribir o destino dos pobos que se atreven a oporse ao consenso imposto por Washington.

 No Palacio da Revolución, Miguel Díaz-Canel cualificou ese encontro como "de enorme significado" no momento histórico que vivimos, e as relacións entre Cuba e a Federación Rusa fortalécense a pesar da "turbulenta situación xeopolítica", precisamente porque só o entrelazamento da solidariedade, a cooperación e o diálogo multipolar pode facer fronte ao bloqueo e ás ameazas de agresión imperial.

 Esta resistencia non é en absoluto teórica: mentres Cuba continúa a sufrir o asedio económico e diplomático dos Estados Unidos, e a retórica dun bloqueo total parece querer illar a illa do mundo, outros actores globais –como México– alíñanse en solidariedade, anunciando a continuación dos envíos de petróleo a Cuba nun xesto de apoio concreto e solidario fronte ás dificultades do embargo.

 Ao mesmo tempo, no plano multilateral, os BRICS –grupo que representa unha porción significativa da poboación mundial e da produción económica– mostran posicións cada vez máis claras sobre a necesidade dunha orde mundial alternativa ao dominio unipolar de Washington, invitando a unha cooperación que non estea subordinada ás estratexias xeopolíticas estadounidenses.

 No corazón desta resistencia atópase tamén o Venezuela bolivariana, desde hai tempo baixo ataque con instrumentos híbridos de presións económicas, militares, diplomáticas e mediáticas. As operacións do 3 de xaneiro que levaron á captura do presidente Nicolás Maduro e da súa muller nunha acción dos Estados Unidos foron denunciadas por Caracas como unha violación do dereito internacional, un acto de agresión que vai máis alá da retórica anti-narcotráfico para revelar os reais intereses xeopolíticos e xeoeconómicos de Washington sobre a rexión.

 No contexto destes ataques, a presidenta encargada Delcy Rodríguez sinalou como Venezuela está a enfrontar un "camiño doloroso" e denunciou publicamente a agresión estadounidense e o secuestro do presidente como violacións do dereito internacional, mentres o país traballa para consolidar un horizonte de soberanía e autodeterminación.

 E, en realidade, os datos falan claro: nos últimos tempos o goberno venezolano anunciou a entrada de uns 300 millóns de dólares das primeiras vendas petrolíferas, froito de acordos comerciais con compradores internacionais, nun marco de loita pola supervivencia económica baixo presións e sancións continuas.

 Ao mesmo tempo, Caracas mobilizou o seu pobo e as súas institucións para defender a soberanía nacional, denunciando actos cometidos como "pirataría" en augas internacionais e esixindo á comunidade internacional que rexeite a crónica agresión.

 Se a resistencia cubana e venezolana é hoxe un exemplo palpábel de dignidade e firmeza fronte ás forzas hexemónicas, é doloroso constatar como noutros lugares esta batalla pola soberanía é malinterpretada, ignorada ou incluso obstaculizada por forzas políticas que deberían ver a independencia dos pobos como un valor fundamental. En Italia, a dereita parlamentar non se avergoña de se declarar abertamente pro-EUA, asumindo as narrativas máis agresivas e o prexuízo de que o goberno de Maduro sería unha cova de "narcoterroristas".

 A pesar de que non hai probas concretas dun "Cartel de los Soles" do cal Maduro sexa o xefe –e mentres os Estados Unidos continúan a manipular narrativas a favor das súas compañías petrolíferas– esas mesmas forzas políticas apoian sen vacilar a idea de que a intervención estadounidense está xustificada por un presunto baleiro de lexitimidade.

 O panorama é aínda máis desolador ao observar as posicións expresadas polos xornais e as forzas políticas dominantes: o presidente do Consello e os seus medios xustifican unha narrativa de incompatibilidade entre "esquerda" e dereitos civís, desacreditando a quen denuncia a hipocrisía das políticas imperialistas; repiten eslogans sobre salarios irrisorios en Venezuela e presentan a exiliados venezolanos disidentes de Maduro como instrumentos mediáticos, ideais para vídeos "atrae-clics" destinados a reforzar as teses trumpianas de control sobre o petróleo.

 Este clima alimenta un malentendido profundo do que significa a autodeterminación dos pobos e a solidariedade internacional, entregando a política exterior italiana nas mans de quen pensa "aliñarse" a favor do dominio económico global en vez da paz.

 E mentres en Italia mesmo a esquerda parlamentar parece balbucir, denunciando o ataque dos Estados Unidos pero con dificultades para situalo na súa longa historia de imperialismo no continente americano, non falta quen chega a criticar a resistencia venezolana como se fose compatíbel cunha autocracia condenábel, perdendo de vista que a soberanía dunha nación é un principio que vai moito máis alá da caricatura política.

 Tales posicións acaban por lexitimar, senón apoiar, un proxecto hexemónico que pretende redeseñar América Latina segundo os seus propios intereses enerxéticos e xeostratéxicos.

 Desconcerta tamén a posición do Vaticano que, diante da imparábel onda de violencia xeopolítica e da agresión directa a Venezuela, a través do cardeal Pietro Parolin escolle o camiño dunha diplomacia silente, do equilibrio exasperado, evitando coidadosamente chamar ás cousas polo seu nome.

 O que chama a atención é o ton baixo, a falta dunha condena explícita e clara ás accións estadounidenses: nin sequera fronte a unha intervención que representa evidentemente unha violación do dereito internacional, a diplomacia vaticana ergueu a voz con resolución.

 É un silencio que choca coa reiterada petición de paz e xustiza internacional lanzada desde o día da súa elección, o 8 de maio pasado, polo Papa León XIV, e que en contraste coa liña do Papa Francisco, pesa como unha lousa mentres pobos enteiros continúan a pagar o prezo de escollas xeopolíticas violentas e punitivas, coa soberanía nacional esmagada e as aspiracións de autodeterminación negadas.

 En definitiva, a renovada alianza entre Cuba e Rusia, os sinais multilaterais dos BRICS e a firme resistencia de Venezuela fronte ás agresións híbridas e ás presións económicas representan unha proba de fogo crucial para o futuro da política internacional.

 É unha proba de fogo da nosa capacidade de estar do lado da xustiza, da soberanía dos pobos e do dereito internacional. O que significa en realidade non sucumbirmos ás lóxicas do poder e da explotación. Neste crisol de tensións, máis que nunca, a voz da solidariedade internacional debe facerse escoitar con forza, porque a defensa das nacións libres do xugo imperialista é a verdadeira fronteira dunha política digna dese nome.

 

[Artigo tirado do sitio web italiano Contropiano, do 26 de xaneiro de 2026]

Volver

Novas relacionadas