Francia: A revolta dos tractores

William Bouchardon -

O feito de que este movemento siga limitado a un sector non agoira nada bo para a súa resistencia. Pero xa reabriu debates cruciais sobre o abastecemento alimentario, a globalización, o traballo e a moi desigual distribución do valor. Ao facelo, rompeu o marco neoliberal no que a agroindustria quere confinar todo debate político sobre a agricultura. Isto é en si mesmo unha vitoria

 «Estamos de xeonllos», «Campesiños en revolta», «Todo está patas para arriba», «Queremos alimentar a xente, non morrer de fame». O outono pasado, este tipo de pancartas deron en aparecer por toda a Francia rural, especialmente ao longo das principais estradas do país. Pero nos últimos días, as accións dos agricultores intensificáronse, cun chamamento a bloquear París o venres pasado.

 As raíces da carraxe dos agricultores son fondas: a súa incapacidade para chegar a fin de mes, a súa exasperación coa burocracia, o seu rexeitamento aos acordos de libre comercio e, ás veces, a súa oposición a normas ambientais consideradas excesivamente restritivas. Pero mentres as asociacións oficiais da agroindustria FNSEA (Federación Nacional de Sindicatos de Agricultores) e Jeunes Agriculteurs tentan impor a súa dirección ao movemento, este parece escapar ás súas gadoupas. As protestas son unha oportunidade para sinalar por fin a hipocrisía destas asociacións, que pretenden defender os agricultores pechándoos nun modelo fracasado.

Da queixa á revolta

 Desde os últimos meses do ano pasado os agricultores viñan despregando o seu xa habitual abano de accións en pequenas cidades e vilas de toda Francia: procesións de tractores, vertedura de esterco fronte a edificios oficiais e demais accións de boicot, que incluíron por exemplo o lanzamento de ovos a supermercados acusados de obter beneficios excesivos. Con todo, os medios de comunicación nacionais deron pouca cobertura a estas protestas. Aínda que seguramente o seu interese estaba ocupado doutro xeito, o feito de que París non se vise afectada por ningunha manifestación, unido a certo desprezo polos «aldeáns», sen dúbida explica en parte esta falta de atención.

 Nestas últimas semanas, porén, accións máis intensas e espectaculares, con bloqueos de estradas e autoestradas que se estenden desde o suroeste por toda Francia, contribuíron a chamar a atención sobre as protestas. Estes modos de acción, que lembran os dos gilets jaunes [chalecos amarelos], preocupan cada vez máis ás autoridades. Algúns manifestantes destacados, como o gandeiro (non sindicado) Jérôme Bayle, ameazaron con boicotear o Salón Internacional da Agricultura de París. O goberno teme que os bloqueos a gran escala vistos noutros lugares de Europa poidan ser imitados en Francia e está a tentar apagar o lume enviando a ministros e funcionarios locais a reunirse cos agricultores, pero até o de agora non tivo éxito.

 O afán negociador do goberno de Emmanuel Macron contrasta co seu enfoque habitual cara aos movementos sociais, que consiste en desprezalos e reprimilos. Isto é abraiante, dado que as accións dos agricultores ás veces toman un cariz violento, como cando se lanzaron proxectís contra axentes de policía en Saint-Brieuc o 6 de decembro, ou cando o Comité d'Action Viticole reivindicou a explosión dun edificio baleiro da DREAL (Dirección Rexional de Medio Ambiente, Ordenación do Territorio e Vivenda) en Carcassona o 19 de xaneiro. Xeneralizouse a vertedura de esterco e residuos agrícolas nas prefecturas, as oficinas locais do ministerio do Interior.

 Normalmente, ante as protestas, os medios de comunicación apréstanse a denunciar o menor incendio de colectores de lixo ou barricada levantada. Con todo, esta vez móstranse moito máis conciliadores. A dobre vítima mortal de Ariège, onde un agricultor e a súa filla foron atropelados por un coche nunha barricada, tamén podería servir de argumento para que o goberno pedise o levantamento dos bloqueos. En lugar diso, o ministro do Interior, Gérald Darmanin, pide «gran moderación» ás forzas da orde, que só deben ser enviadas «como último recurso».

Sen represión (polo de agora)

 Aínda que este trato poida sorprender, pode entenderse á luz de varios factores: a imaxe pública dos agricultores, as características particulares deste grupo social e a simbiose entre a FNSEA e o goberno.

 En primeiro lugar, os agricultores —encarnación dunha Francia rural traballadora, de evidente utilidade para a sociedade— gozan dunha considerábel simpatía pública. Unha enquisa do 23 de xaneiro sitúa o apoio a este movemento no 82%, 10 puntos máis que os gilets jaunes ao comezo da súa mobilización. Do mesmo xeito, aínda que o número de agricultores diminuíu considerablemente nas últimas décadas (hoxe son uns 400.000), o seu voto segue sendo moi cobizado en todo o espectro político, aínda que só sexa para evitar aparecer como cosmopolitas desconectados do resto do país.

 En segundo lugar, os agricultores son un grupo difícil de reprimir. Cando as manifestacións teñen lugar no campo, os xendarmes e os agricultores adoitan coñecerse, o que fai menos probábel a confrontación. Os enfrontamentos tamén serían complicados: o impoñente tamaño dos tractores e o feito de que sexa difícil acceder ás súas cabinas protexen os agricultores dunha posíbel represión. Ademais, moitos agricultores son tamén cazadores e, por tanto, van armados.

 Por último, o goberno mantén moi boas relacións cos dous grandes sindicatos de agricultores. A FNSEA e o movemento Jeunes Agriculteurs obtiveron xuntos o 55% dos votos nas eleccións de 2019 ás Cámaras de Agricultura do país, que representan os produtores. A súa visión da produción intensiva e orientada á exportación coincide plenamente coa do goberno de Macron, que quere que a agricultura estea cada vez máis mecanizada, robotizada e dixitalizada para impulsar a produtividade.

 O apoio do presidente da FNSEA a Macron durante a primeira reforma das pensións en 2019 e a creación da célula Demeter —unha unidade de intelixencia dos xendarmes dedicada a perseguir aos activistas ecoloxistas opostos á agroindustria— dan fe diso. Por tanto, cando a FNSEA e Jeunes Agriculteurs chaman aos agricultores a mobilizarse, é só para reforzaren mellor a súa posición negociadora co goberno.

As raíces da carraxe

 Cando comezaron as protestas contra fins de 2023, os dous sindicatos buscaban especialmente concesións do goberno sobre unha proxectada Lei de Orientación Agrícola, e da Unión Europea (UE) para o Pacto Verde e a Lei de Restauración da Natureza. No fondo, a FNSEA e Jeunes Agriculteurs esperan reforzar o seu propio poder sobre a comunidade agrícola francesa. Porén, se isto puido funcionar naquel momento, o movemento actual parece escapar ao seu control.

 Todos os agricultores din o mesmo: é extremadamente difícil vivir do propio traballo, a pesar de traballar incansabelmente todos os días. Aínda que os prezos dos alimentos se dispararon estes dous últimos anos, estes beneficios inesperados seguen a ser acaparada pola agroindustria, supermercados e comerciantes que especulan cos prezos agrícolas: entre fins de 2021 e o segundo trimestre de 2023, a marxe bruta da industria alimentaria pasou do 28% ao 48%.

 Entrementres, moitos agricultores venden os seus produtos a perda. Isto é especialmente certo no caso do leite, onde a industria, dominada por uns poucos grandes actores, se nega a revelar as súas marxes. A argallada tamén se organiza augas arriba, cuns poucos grandes provedores de produtos fitosanitarios, fertilizantes, sementes e equipos agrícolas. Ultimamente os prezos escalaron debido a factores externos, como a guerra de Ucraína, pero tamén por puro afán de lucro.

 Así pois, os agricultores dependen do goteo de subvencións: axudas ao investimento, axudas á renda da Política Agrícola Común (PAC) da UE baseadas no número de hectáreas cultivadas ou no tamaño do rabaño, axudas para pasar á agricultura biolóxica, para manter terreos... Hai algo para case todo, aínda que cómpre encher unha montaña de formularios para obter a axuda e logo esperar que a administración a tramite a tempo. Pero anos de austeridade e procedementos cada vez máis complexos fixeron que a burocracia sexa incapaz de cumprir coas súas obrigas e os agricultores a grande escala adoitan ser os únicos que se benefician das subvencións. É doado ver por que os edificios administrativos están no punto de mira.

 Nun momento en que a ecuación económica xa é insostíbel para os pequenos agricultores, unha nova onda de libre comercio se abate sobre eles. Tras a competencia de España en froitas e verduras, e dos produtores de carne de porco alemáns e polacos, agora enfróntanse á competencia de Nova Zelandia, coa que a UE acaba de asinar un acordo de libre comercio. No medio dunha emerxencia ecolóxica, importar carne e leite de ovella do outro lado do planeta constitúe unha curiosa prioridade.

 A UE tamén está a ultimar os pasos para eliminar as barreiras aduaneiras co Mercosur. Fronte ás granxas industriais de Brasil e Arxentina, que cultivan soia e carne de vacún en vastas extensións, está claro que ninguén agás os maiores actores franceses pode competir. O feito de que estes países utilicen antibióticos, hormonas de crecemento, praguicidas e todo tipo de produtos prohibidos en Europa está vagamente recoñecido pola Comisión Europea, que sinala «cláusulas espello» no acordo, pero sen concretar nada. Por último, a UE está a acelerar constantemente a integración de Ucraína, cuxos produtos invadiron os mercados centroeuropeos en detrimento de os agricultores polacos e húngaros.

Antiambientalistas?

 Porén, aínda que estes motivos de enfado son comúns entre os agricultores, non son o núcleo das reivindicacións da FNSEA e Jeunes Agriculteurs. No seu lugar, os dous sindicatos dirixen principalmente a súa oposición contra as medidas destinadas á transición do sector cara a métodos de produción máis ecolóxicos. En concreto, denuncian unha suba dos impostos sobre as praguicidas e unha taxa sobre a auga de rega. Destinados a financiar o Plan Hidrológico do goberno e a reducir a pulverización de praguicidas para preservar este recurso cada vez máis escaso, estes dous impostos abandonáronse en decembro. A fin gradual da exención fiscal sobre o combustíbel utilizado pola maquinaria agrícola tamén é obxecto de críticas, aínda que a FNSEA ten algunhas dificultades nesta fronte: nun acordo co goberno este verán, aceptou este aumento a cambio dunha reforma da fiscalidade das plusvalías agrícolas, en beneficio dos agricultores con maiores ingresos.

 Ademais dos impostos, a FNSEA e JA opóñense especialmente ás novas normas ambientais da UE, como a estratexia europea «da granxa á mesa» e o «Pacto Verde». A primeira pretende garantir que o 25% das terras de cultivo sexan ecolóxicas para 2030, mentres que o segundo plan xa foi en gran parte desmantelado. Para o xefe da FNSEA, Arnaud Rousseau, esta transición aínda que tímida á agroecoloxía significa «decrecer a agricultura», deixándoa incapaz de satisfacer as necesidades alimentarias de Francia. Axitando os temores de escaseza, a FNSEA espera desbaratar os limitados intentos de reconverter o sector cara a formulacións máis sustentábeis. Na súa opinión, a solución aos problemas de produtividade que xeran o esgotamento do chan, o cambio climático, o aumento das epidemias e a crise da biodiversidade reside unicamente no progreso técnico, xa sexa en forma de drons, dixitalización, megagranxas, robotización ou organismos xeneticamente modificados.

 O flagrante desprezo do maior sindicato de agricultores polo medio ambiente non é, así e todo, representativo das perspectivas de todos os agricultores. En primeira liña dos efectos do quecemento global, primeiras vítimas das preguicidas e testemuñas do esgotamento da terra e a escaseza de auga, moitos apoian un cambio de modelo. Pero aínda que a transición á produción ecolóxica leva anos e os empréstitos que hai que devolver adoitan ser considerábeis, ningunha transición é posíbel sen unha axuda substancial do goberno.

 Con todo, as axudas para a transición e o mantemento da agricultura ecolóxica son notoriamente insuficientes, e de cando en cando páganse a tempo. Ademais, o mercado ecolóxico reduciuse de feito un 4,6% en 2022, unha tendencia que continuou en 2023. Excesivamente caros debido en parte ás marxes comerciais dos supermercados, estes produtos son cada vez máis rexeitados polos consumidores afectados pola inflación.

 Máis aló do sector ecolóxico, os chamamentos en prol dunha maior agroecoloxía non van acompañados de recursos suficientes. Un exemplo diso é a mobilización que tivo lugar en Bretaña o pasado outono (encabezada pola Confederación de Agricultores e os Centros de Innovación para a Valorización da Agricultura e as Zonas Rurais) para pedir máis fondos dedicados a medidas agroecolóxicas e climáticas que animen os gandeiros a dedicar unha parte maior das súas explotacións a pasteiros. A moitos gandeiros gustaríalles adoptar prácticas máis respectuosas co medio ambiente e co benestar dos animais, pero sinxelamente non teñen medios para facelo.

 En lugar de combinar o necesario cambio ecolóxico da agricultura coas medidas necesarias para facelo realidade (proteccionismo e maiores salarios para os agricultores), a FNSEA, e en menor medida os Jeunes Agriculteurs, rexeitan de plano esta transición. Isto non debería sorprender: a pesar de pretender representar a todos os agricultores, a FNSEA só defende os máis ricos. Os salarios dos dirixentes do sindicato, revelados en 2020 por Mediapart, expresan esta desconexión cos produtores do común: o daquela director xeneral cobraba 13.400 euros brutos ao mes, máis que o ministro de Agricultura, mentres que o antigo presidente, que só traballaba tres días á semana, recibía nun mes tanto como o agricultor medio ao ano.

  O perfil do actual presidente da FNSEA ilustra ben os intereses que defende. Diplomado en Ciencias Empresariais, Arnaud Rousseau comezou a súa carreira no comercio de materias primas, é dicir, na especulación. Despois fíxose cargo da explotación de cereais a familiar de 700 hectáreas, mostra perfecta da agricultura de produción intensiva inzada de subvencións europeas. Máis aló da súa granxa, Rousseau tamén é director xeral dunha empresa de metanización, director do grupo Saipol, o principal transformador de sementes en aceites de Francia, e presidente de Sofiprotéol, unha empresa que ofrece créditos aos agricultores, e dunha ducia de empresas máis. E o que é máis importante, é director xeneral de Avril, un enorme consorcio industrial. En 2022, as vendas deste monstro agroalimentario e dos agrocombustíbeis alcanzaran uns 9.000 millóns de euros.

 Xefe dun grupo agroindustrial que gaña diñeiro á conta dos agricultores, promotor do endebedamento dos agricultores e antigo comerciante de materias primas, Rousseau ten intereses en case todos os sectores responsábeis da morte da agricultura francesa. Non é de estrañar, por tanto, que a FNSEA se contente con emitir concisas declaracións contra os acordos de libre comercio sen chamar á mobilización para derrotalos, ou que defenda ardentemente unha Política Agrícola Común da UE que só beneficia as maiores corporacións. O mesmo pode dicirse da defensa que fai a FNSEA dos encoros de auga das «megaconcas»: presentadas como solución á seca xeneralizada, estas concas benefician os maiores agricultores, que se negan a cambiar os seus métodos e quitan auga aos máis pequenos para producir alimentos decote destinados á exportación.

E agora que?

 Normalmente, a venda da súa base pola FNSEA e Jeunes Agriculteurs suscita pouca resposta real. Esta vez, con todo, parece que os seus intentos de controlar o movemento están a fracasar. En Toulouse, un representante sindical que convidaba os agricultores a írense a casa e deixaren que o seu sindicato negociase no seu nome foi fortemente apupado. A acción nunha fábrica de leite de Lactalis en Haute-Saône bloqueada con esterco e lixo é dun tipo que a FNSEA probabelmente nunca apoiaría. En xeral, os agricultores que protestan prefiren non facer alarde da súa afiliación sindical cando a teñen e evitan que os políticos os coopten.

 Entón, que respostas políticas houbo? A liña do goberno non está clara e o seu historial en sete anos no poder non é como para presumir. Con todo, é probábel que os macronistas acaben chegando a un acordo coa FNSEA sobre a axuda de emerxencia e a abolición das normas medioambientais coa esperanza de acougar a carraxe. Se son necesarios cambios lexislativos, isto non debería supoñerlle demasiados problemas: os republicanos conservadores, formalmente un partido da oposición e con todo tamén aliados oficiosos do goberno, están totalmente aliñados coas demandas da FNSEA.

 A Rassemblement National de Marine Le Pen é máis crítica coa FNSEA, pero fai seus a maioría dos seus argumentos de fondo. A única diferenza salientábel é a cuestión do libre comercio, á que a extrema dereita se opón firmemente. Isto achega a Le Pen á Coordination Rurale, sindicato agrícola que defende desde hai tempo o «excepcionalismo agrícola» no contexto da globalización. Aínda que é evidente que Le Pen e compañía tentan cooptar o movemento e apuntar directamente á UE nas súas críticas (coa esperanza de aumentar a súa puntuación nas eleccións europeas de xuño), non teñen practicamente nada que propor en materia de regulación de prezos, reforma da Política Agrícola Común, rendas agrarias ou medio ambiente.

A resposta da esquerda

 A esquerda está nunha situación moi parecida á da Confederación de Agricultores, que encarna este campo político entre os sindicatos agrícolas. Aínda que as protestas dos agricultores se fan eco de moitas das advertencias lanzadas pola Confederación ao longo dos anos (denuncia dos tratados de libre comercio, da insensatez da liberalización dos mercados e da fin das cotas de produción, da inxustiza das subvencións, da imposibilidade de ecoloxizar a agricultura sen apoio financeiro, da adaptación das normas ás condicións reais das pequenas explotacións, etc.), isto non se traduce necesariamente nun apoio ás propostas do sindicato. Para a esquerda, o reto actual é reparar a súa imaxe entre os agricultores opoñéndose ao discurso do «ataque á agricultura» ou da «bohemia burguesa» vegana, citadina e acosadora.

 As recentes intervencións de deputados de esquerdas ofrecen a esperanza de romper con esta imaxe. François Ruffin, Mathilde Hignet (ela mesma antiga traballadora agrícola) e Christophe Bex, de France Insoumise, así como a deputada verde Marie Pochon (filla de viticultores), culparon claramente os verdadeiros adversarios do mundo agrícola: os comerciantes polo miúdo, os industriais agroalimentarios, as granxas industriais no estranxeiro e a FNSEA.

 A estes lexisladores non lles faltaron propostas, desde a fixación de prezos mínimos até o control das marxes, pasando por medidas proteccionistas, unha revisión para simplificar as subvencións e apoiar un modelo máis ecolóxico, e unha revisión dos criterios de licitación para que os comedores do sector público favorezan aos produtos franceses. O 30 de novembro, France Insoumise propuxo a introdución dun prezo mínimo para os produtos agrícolas, que foi rexeitada no parlamento por só seis votos. A máis longo prazo, a introdución dun sistema de seguridade social para a alimentación unha reivindicación que está a calar fondo na esquerda e da que cada vez hai máis experimentos locais— podería proporcionar un novo marco para unha verdadeira desmercantilización da agricultura.

 É certo que isto pode parecer moi afastado. É probábel que o movemento actual acabe remitindo ante a fatiga da xente mobilizada en pleno inverno, a necesidade de manter as explotacións en funcionamento para devolver os empréstitos e o probábel acordo entre a FNSEA, os Jeunes Agriculteurs e o goberno para acougar a multitude. O feito de que este movemento siga limitado a un sector non agoira nada bo para a súa resistencia. Pero xa reabriu debates cruciais sobre o abastecemento alimentario, a globalización, o traballo e a moi desigual distribución do valor. Ao facelo, rompeu o marco neoliberal no que a FNSEA quere confinar todo debate político sobre a agricultura. Isto é en si mesmo unha vitoria.

 

[Artigo tirado do sitio web francés LVSL, do 25 de xaneiro de 2024

Volver