Folga no comercio de alimentación da Coruña os días 21, 22, 23 e 24 de xuño polo bloqueo patronal á negociación do convenio
Na xornada do martes haberá manifestacións na cidade herculina, Compostela, Ferrol e Ribeira
A Coruña -
O persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña volverá á folga os días 21, 22, 23 e 24 de xuño ante o bloqueo da patronal (encabezada por Gadis e Froiz) á negociación e para reclamar un convenio colectivo digno. A folga está convocada polas catro centrais sindicais con representación no sector (CIG, CCOO, UGT e USO), afecta tanto ás tendas como a almacéns loxísticos, e terá a visibilidade nas rúas o martes 23 con mobilizacións na Coruña, Compostela, Ferrol e Ribeira.
Ao igual que aconteceu na xornada de folga do pasado 29 de maio, a CIG-Servizos agarda unha resposta masiva por parte do persoal do sector que está farto da sobrecarga laboral, os baixos salarios, as elevadas taxas de parcialidade e a precariedade laboral mentres as dúas grandes empresas que controlan a patronal, Gadis e Froiz, baten récords de facturación e obteñen beneficios millonarios ano tras ano.
Roberto Pérez, representante da CIG na mesa de negociación, critica que son as propias empresas as que abocan o sector á folga ante a falta de propostas que permitan avanzar nun acordo. “Co obxectivo de facilitar un achegamento, a parte social fixo importantes rebaixas na súa plataforma inicial, pero a resposta da patronal foi que non se ía mover. O único interese que teñen Gadis e Froiz é ir a unha mediación para impedir a folga e que o persoal se mobilice”, denuncia.
A este respecto, alerta dos graves comportamentos que se están rexistrando por parte das empresas nas últimas semanas para minimizar o impacto da folga. Unhas actuacións que vulneran este dereito fundamental, que xa foron postas en coñecemento da Inspección de Traballo para que tome as medidas oportunas e que se levarán tamén á vía xudicial.
Pérez pon como exemplo destas prácticas antiobreiras as chamadas para realizar horas extraordinarias nos días de paro, persoal encargado preguntando abertamente quen vai facer folga, e cambios nas rutas de distribución, adiantos nos pedidos das tendas e alteracións da organización do traballo que constitúen unha evidente esquirolaxe empresarial.
“A patronal está levando adiante unha campaña moi agresiva contra a convocatoria de folga e incluso está repartindo informacións con moita literatura sobre as supostas bondades da súa proposta de convenio, que o único que fan é cabrear aínda máis as traballadoras e traballadores”, asevera.
Proposta totalmente insuficiente
No relativo á oferta patronal, explica que as empresas pretenden un convenio a catro anos (2026-2029) cun incremento salarial insuficiente que non garante nin sequera o mantemento do poder adquisitivo ao quedar por debaixo das previsións de IPC, que non rebaixa a xornada anual e que non avanza nos dereitos laborais e sociais. Ademais, a patronal négase en rotundo a incrementar os incentivos variábeis á produción que percibe o persoal dos almacéns e que levan moitos anos conxelados.
Xunto a isto, critica que a patronal queira presentar como unha mellora dar tres días máis de permiso por falecemento de familiar en primeiro grao, pero a cambio de recortar dous días no caso do parentesco en segundo grado; e vender como un gran avance social que o persoal dispoña dun fin de semana de calidade máis ao ano a partir de 2027.
“Non obstante, o que as empresas chaman fin de semana de calidade -é dicir, librar sábado e domingo seguidos-, en realidade consisten en librar un luns ou un día pegado a un festivo. E iso non é o que o persoal está demandando”, incide.
Gadis e Froiz tampouco están en disposición de abordar a compensación xusta do traballo obrigatorio nos domingos para o persoal das tendas de vilas como Carballo, Cee, Padrón, Noia, Melide, Carral, Betanzos, Baio ou Negreira que abren case todos os domingos do ano. Na actualidade Froiz ofrece unha compensación insuficiente mentres que no caso de Gadis, o persoal non percibe ningunha retribución específica por estas xornadas.
Ante o bloqueo patronal, a CIG-Servizos chama as traballadoras e traballadores a secundar a folga, participar nas mobilizacións do día 23 e dar unha resposta contundente porque só a través da loita se conseguirá un convenio digno.
MOBILIZACIÓNS PREVISTAS PARA O MARTES 23
- A Coruña: ás 12:00 horas, manifestación dende a Praza de Lugo.
- Compostela: ás 12:00h, manifestación dende o Gadis da rúa Montero Ríos.
- Ferrol: ás 13:30h, manifestación dende o Gadis de Ultramar.
- Ribeira: ás 12:00h, manifestación dende o Hiper Gadis.

