A CIG valora de xeito positivo os acordos para os convenios do metal de Lugo ao mellorar salarios e garantir o poder adquisitivo
O pactado suporá un incremento total do 18% e inclúese unha cláusula de revisión salarial anual ligada ao IPC sen topes
Lugo -
A CIG valora de xeito positivo os acordos acadados para o convenio de siderometal e do comercio do metal da provincia de Lugo ao supor un incremento substancial dos salarios e contemplar unha cláusula de revisión que garante o mantemento do poder adquisitivo nun momento de medre descontrolado da carestía. Os acordos foron aprobado polas asembleas de persoal celebradas na tarde do luns en Lugo e Burela, e implican a desconvocatoria das xornadas de folga previstas para o 28 de outubro, e 3 e 5 de novembro.
Os acordos atinxidos suporán un incremento salarial do 5% para o ano 2026, do 4,5% para os anos 2027 e 2028 e do 4% para 2029, acumulando un aumento total do 18%. Ademais, procederase ao pagamento dos atrasos íntegros polo ano 2026 á publicación dos convenios.
Para o persoal de siderometal, salienta Afonso Losada, secretario comarcal da CIG-Industria, estas subas implicarán que, no ano 2029 “ningunha categoría do convenio estea por debaixo dos 2.000 euros brutos e que para un peón, a categoría mais baixa, o incremento acumulado sexa de 3.974 euros, roldando os 5.000 euros para a categoría mais alta”.
Xosé Paz, secretario comarcal da CIG-Servizos, apunta que no caso do persoal do comercio do metal, os incrementos pactados significarán que, a final de vixencia, “a categoría máis baixa desta convenio cobrará case 3.100€ máis que na actualidade”.
Garantía de mantemento do poder adquisitivo
Alén da mellora dos soldos, nesta negociación conseguiuse incluír unha cláusula de revisión ligada ao IPC real e sen topes, que operará cada ano e con efectos retroactivos. Esta era unha das liñas vermellas da parte social para asegurar o mantemento do poder adquisitivo nun momento de total incerteza, “cun escenario de fortes aumentos dos prezos básicos que están a facer moito dano nas economías familiares, mentres as grandes empresas obteñen beneficios escandalosos", denuncia Losada.
Nesta liña, Paz incide en que esta cláusula “garante que, calquera que sexa o IPC dos anos de vixencia do convenio, os traballadores e traballadoras cobrarán, como mínimo o IPC, se este é superior á suba acordada”.
Redución de xornada, horas extras ou pago de festivos
En canto á redución de xornada, hai que lamentar que non se logrou unha rebaixa que colmase os obxectivos iniciais "e polo tanto, as oito horas acadadas (4 en 2026 e 4 en 2029) non as podemos valorar do mesmo xeito aínda que supoñan un pequeno avance". Non obstante, si se rompeu coa pretensión patronal de aplicar a redución da xornada só no siderometal, deixando á marxe o persoal de comercio do metal, malia que na provincia ambos convenios de negocian de xeito paralelo.
Tamén se conseguiron importantes melloras en materias como as horas extraordinarias, traballo en festivos e domingos, ampliar os permisos por acompañamento ou a xubilación parcial, que se recoñece como dereito da persoa traballadora con acumulación de xornada.
No relativo ao abono das horas extra, Paz explica que terán un recargo do 50%. As dúas primeiras horas diarias ou 25 ao mes pagaranse cun recargo do 60%; as horas nocturnas ao 60%, as horas en descanso semanal ao 75% e as horas extras en festivo e nocturnas ao 100%. Os festivos de convenio traballados retribuiranse dúas horas por cada hora traballada e no caso de domingos efectivos, a retribución será a elección da persoa traballadora, ou día de descanso ou 80€.
Avances grazas á loita e determinación do persoal
En termos globais, a CIG considera que estes acordos son un grande avance en materia salarial e pon en valor que mellorar os convenios foi posíbel grazas á determinación do persoal para ir ao conflito e secundar masivamente as xornadas de folga. "Unha vez máis, demóstrase que coa loita nas empresas e nas rúas, a clase traballadora é capaz de arrincarlle á patronal melloras substanciais para as súas condicións de vida e laborais", conclúen Losada e Paz.
Finalmente, reiteran o agradecemento expreso ás persoas delegadas e traballadoras que participaron activamente nas folgas "amosando unha determinación e forza que nos levou a conseguir este gran acordo".

