DomusVi Ferrolterra: 11 meses de pandemia sen reforzar o persoal, sen protocolos axeitados e con escaseza de EPI

A CIG denuncia a nefasta xestión e a precariedade laboral nas residencia da empresa

Ferrol -

Delegadas da CIG nas residencias DomusVi de Ferrolterra compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar a situación de precariedade que padecen as traballadoras e os traballadores destes centros, agravada pola pandemia da Covid19, a pésima xestión da crise sanitaria que está a facer a empresa e a falta de reforzo dos cadros de persoal; así como o desleixo da Xunta á hora de realizar o seu labor inspector no cumprimento das ratios.

Beatriz Fernández, responsábel de residencias privadas da CIG-Servizos de Ferrol, explicou que dende os comités nos que a CIG ten a maioría levan anos denunciando a precariedade do sector "da que DomusVi é moi responsábel". A maiores, a representación da CIG dirixiuse á Consellaría de Política Social e presentou múltiples denuncias na Inspección de Traballo pola nefasta xestión que a empresa está a facer da crise sanitaria "pois 11 meses despois do estoupido da pandemia e en plena terceira vaga atopámonos na mesma situación, sen aprender nada dos erros cometidos ao inicio".

A elevada expansión dos contaxios "ten causas concretas"

Así, explicou que na residencia de DomusVi de Laraxe hai un novo gromo con 77 casos activos -entre residentes e traballadoras/es- e que "a virulencia coa que se espallan estes gromos non é por casualidade nin mala sorte", senón que ten unhas causas concretas. Fernández advertiu que non se están a reforzar os cadros de persoal, nin nas categorías de xerocultora nin nos servizos de limpeza, a pesar de ser este un servizo fundamental na actual emerxencia sanitaria.

Xunto a isto, critica que se obriga ao persoal a facer tarefas para as que non está formado e que se prolongan e modifican as xornadas de xeito abusivo, provocando unha sobrecarga de traballo insoportábel. Ademais, denunciou a falta de protocolos axeitados ou a escaseza de EPI "polo deixamento das direccións dos centros".

Responsabilidade da Xunta de Galiza

Todas estas eivas, subliña Fernández, afectan á calidade da atención que se lle presta ás usuarias e aos usuarios e por iso, "facemos cómplice desta situación á Consellería de Política Social e, por ende á Xunta de Galiza, que coñece esta problemática, pois dende a CIG presentáronse denuncias no tocante aos incumprimentos de ratios que constataron que a cifra real de traballadoras/es non coinciden có cadro de persoal ofertado para as contratacións".

A este respecto, a representante da CIG acusa á Xunta de non exercer o seu labor inspector "e permitir estas prácticas empresariais vergoñentas que mercantilizan os coidados das nosas persoas maiores". Por iso, esixe da Xunta de Galiza que garanta unhas condicións de traballo dignas e que controle o reforzo de persoal para poder facer fronte á enorme carga de traballo que se rexistra dende o principio desta pandemia. Sobre esta cuestión, matiza que as empresa contan nas ratios a persoal de administración, coordinador e directivo que non realizan traballo de atención directa a residentes.

DomusVi controla a negociación do convenio

Na comparecencia, Fernández chamou tamén a atención sobre o feito de que esta multinacional ten "un control absoluto" sobre a patronal de residencias privadas e está a exercer ese poder nas negociacións do convenio colectivo do sector, que malia ter constituída a mesa de negociación en xullo de 2020 "a día de hoxe non avanzamos nada. Entendemos que a intención da patronal é dilatar as mesmas para provocar a ruptura da mesa".

Somos profesionais, non escravas, e estamos fartas de que se nos trate como traballadoras/es de terceira"

Neste senso, salientou que acadar un convenio digno "resulta fundamental para mellorar as condicións tanto sociais, coma salariais do persoal das residencias, esas residencias das que tanto presume DomusVi".

"Somos profesionais, non escravas, e estamos fartas de que se nos trate como traballadoras/es de terceira, de ter que estar xudicializando os nosos dereitos, do machismo velado que impera no grupo DomusVi, da permisividade da Xunta ao mirar cara a outro lado, incluso tras o escándalo que supuxo a vacinación da conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, e do seu irmá, saltándose todos os protocolos establecidos no calendario de vacinación", afirma.

Para rematar, as representantes do persoal da CIG quixeron lembrarlle a DomusVi "que o seu persoal de residencias de maiores temos demostrado a nosa profesionalidade e o noso compromiso coa atención e os coidados dos maiores".

Volver