Convocada concentración en Casas Novas contra o traslado inxustificado do persoal de seguridade

Arteixo -

A sección sindical da CIG en Prosegur ten convocada unha concentración para o vindeiro domingo, 21 de abril, ás 11h, diante do Centro Hípico Casas Novas (Larín de Arriba, Arteixo) para reclamar que se manteña no seu posto de traballo a un compañeiro que leva máis de 20 anos prestando servizos de seguridade privada nestas instalacións.

A representación da CIG denuncia que a nova directora do centro hípico, por un "capricho persoal seu", pediulle ao xefe de seguridade de Inditex (o centro é propiedade de Amancio Ortega) e á persoa encargada da conta de Prosegur que se cambiara aos cinco vixilantes que até agora se encargaban da seguridade, e que levaban neste servizo entre 18 e 24 anos.

Tras as xestións sindicais e as dificultades de Prosegur para mover cinco traballadores doutros centros e reubicar os actuais vixilantes noutras instalacións, a empresa decidiu trasladar só ao xefe de equipo a un novo destino, malia que isto lle suporía unha modificación substancial nas súas condicións laborais.

A sección sindical da CIG explica que tentaron negociar un acordo coa empresa para garantir as condicións do compañeiro afectado, pero no último momento Prosegur rachou as conversas ofertando unha recolocación en condicións prexudiciais para o traballador.

Este cambio vai ser recorrido en vía xudicial e para dar visibilidade ao conflito, a sección sindical acordou convocar a concentración deste domingo para reclamar que se manteña ao compañeiro no seu posto e reivindicar que "non somos móbeis, somos traballadores que exercen o seu labor con profesionalidade".

A este respecto, apuntan tamén ao grupo empresarial que consinte que "por capricho dunha persoa e cando non existe ningunha razón obxectiva, se vulneren os dereitos laborais e se pretenda cambiar a todos os traballadores do servizo de seguridade, despois de 24 anos sen rexistrar nin unha soa queixa, apercibimento ou amoestación polo desempeño do servizo".

Volver