CIG-Servizos rexeita o ERTE do grupo GAM que prexudica de xeito especial ao persoal da planta de Ferrol

O expediente supón a redución da xornada laboral de até un 70%

Ferrol -

A CIG-Servizos de Ferrol rexeita o acordo para o ERTE presentado polo grupo empresarial GAM, xa que prexudica de maneira especial aos traballadores do centro que a empresa ten no polígono industrial de Vilar do Colo. Sete deles, explica a Federación, verán reducida a súa xornada laboral nun 70%, que é a máxima redución contemplada no acordo.

A empresa (dedicada aos servizos de alugueiro, mantemento e venda de maquinaria) alega causas produtivas e organizativas para formular o Expediente de Regulación Temporal de Emprego, polo que ten o requisito legal de establecer un período de consultas coas organizacións sindicais.

Porén, a CIG non foi convocada a este período de negociacións que a empresa abriu con CCOO e UGT o pasado 6 de abril. Neste senso, dende a CIG-Servizos apuntan que "probablemente non nos convocaron porque saben que a CIG non asinaría un documento no que os traballadores e traballadoras vexan minorada as súas retribucións".

O cobro do complemento do paro ligado á que se logre a previsión de vendas

Ademais, a central advirte que a percepción do complemento da prestación por desemprego establecido no acordo (que só chegaría a cubrir unha parte da perda retributiva), queda ligada a que o grupo empresarial acade o 75% da súa previsión de ingresos por vendas no exercicio 2020, "algo que parece practicamente imposíbel dada situación actual por mor da crise sanitaria".

E aínda no caso de acadar eses ingresos, o complemento dos salarios non se cobraría até abril de 2020 "o que converte o acordo nunha sorte de chiste de mal gusto para os compañeiros e compañeiras afectadas".

"Desde a CIG entendemos este acordo como unha traizón ao persoal afectado e seguiremos a reclamar que as negociacións dos/as traballadores/as galegas/as se fagan tendo en canto a todo o persoal, desde Galiza e, sobre todo, non vendendo á clase traballadora á primeira de cambio".

Volver