CIG-Saúde denuncia que a Xerencia da Área Sanitaria de Santiago prioriza o aforro “antes que a seguridade do persoal”

Responsabiliza á propia Xerenta, Eloína Núñez, de ignorar os protocolos dirixidos a evitar os riscos laborais

Compostela -

A CIG-Saúde de Compostela iniciou, hai anos, unha campaña para reclamar a seguridade coa uniformidade do persoal de Atención Primaria en quendas ordinarias de mañá e tarde que, por razóns do seu traballo, son requiridos para a atención urxente, como poden ser os accidentes de tráfico, atención domiciliaria, atención fóra do centro de traballo ou, por exemplo, as vacinas de doentes con mobilidade reducida.

Neste camiño, no que mesmo tivo que acudir ás Inspeccións de Traballo correspondentes, a CIG-Saúde-Compostela denunciou que o persoal non pode acudir ás intervencións fóra do centro, coa súa roupa particular, por unha banda, porque evidencia unha `”falta total de autoridade e de seguridade no lugar do accidente, por exemplo, ao presentarse unha persoa sen ningún tipo de indumentaria que o identifique”.

Pola outra, porque nas avaliacións de risco dos centros, feitos pola Unidade de PRL, no seu informe, fanse constar as medidas preventivas da empresa: proporcionar en talla adecuada e manter en correcto estado a roupa reflectante que se ten que usar. Todo isto, explican, “baixo unhas premisas técnicas, ao ser considerado un Equipo de Protección Individual ( EPI)”, e incluíndo ao persoal eventual na súa dispoñibilidade.

Con qué se atopan, agora mesmo?

A CIG-Saúde afirma que agora a Xerencia só proporciona este equipamento aos centros nos que se fixo a denuncia en Inspección de Traballo, deixando así fóra da protección ao resto de persoal dos distintos centros, simplemente “por unha cuestión económica”.

Nese sentido, denuncia a “falacia na que se escuda a Xerencia”, segundo a que no segundo trimestre do 2024, o SERGAS vai proporcionar esa indumentaria ao resto dos centros”. Un atraso en proporcionar os EPI que considera “inadmisible desde o punto de vista da seguridade das traballadoras e traballadores”.

A este respecto explican que “estamos a observar como arrecian os temporais nos nosos centros e no traballo que desenvolvemos fóra del, nos que chove e ventea moito por fóra e, en moitos deles, chove moito tamén por dentro, como para ter que agardar aínda máis de 6 meses”.

Por iso consideran que é “totalmente inadmisible” que haxa un centro no que o persoal teña dereito a ter un equipamento de traballo e 10 km máis abaixo, o persoal teña que acudir cos medios propios á calquera incidencia fóra do centro.

Por iso a CIG-Saúde cuestiona como se pode priorizar o aforro nestas situacións nas que o persoal que está traballando, mesmo poñendo en risco a súa vida e lanza a pregunta de se “alguén se imaxina ao persoal do corpo de bombeiros atendendo unha emerxencia coa súa roupa particular”.

Volver