CIG-Ensino urxe a convocatoria da Mesa Sectorial para negociar as prazas de especialidades nas oposicións docentes

O sindicato considera un insulto, para as miles de persoas que están agardando a coñecer esta información, o atraso co que está actuando a Consellaría este ano

Nacional -

A CIG-Ensino vén de reclamar a convocatoria urxente da mesa sectorial para negociar as prazas de especialidades nas oposiciones docentes. Tal e como ten criticado, a OPE anunciada, sen previa negociación, non dá resposta ás necesidades do ensino público galego porque non supón ningún incremento de postos de traballo, non chega ao límite legal fixado na taxa de reposición, está descompensada entre o persoal interino existente nos distintos corpos e as prazas que se ofertan e nin sequera cumpre o obxectivo fixado pola propia Xunta de reducir ao 5% a temporalidade.

A CIG-Ensino fará valer, á hora de negociar as prazas, o estudo de interinidades por especialidades que publicou o pasado 11 de decembro e que revela que a taxa total de temporalidade ascende ao 9,2% (8,8% se temos en conta as especialidades que se poden convocar a oposicións).

A Consellaría de Educación leva un atraso insólito con respecto aos últimos anos á hora de convocar a Mesa Sectorial na que se ten que negociar a Oferta Pública de Emprego docente. A día 8 de xaneiro miles de persoas que se teñen que enfrontar ao procedemento de concurso-oposición nun prazo de apenas 5 meses descoñecen as especialidades que se van convocar e o número de prazas en cada unha delas. Informacións, ambas as dúas, de vital relevancia para o persoal opositor que, en moitas ocasión, opta por unha outra especialidade, de contidos semellantes, segundo a oferta de prazas que haxa en cada unha delas.

A mala xestión da administración galega neste tema contrasta unha vez máis co ritmo que levan outras comunidades que nalgúns casos mesmo xa remataron co procedemento de matrícula. En total son 9 as que xa teñen a convocatoria de 2024 publicada (Andalucía, Asturias, Murcia, Madrid, Catalunya, Navarra, Castela e León, Estremadura e País Valencià).

Unha vez máis a desconsideración cara o colectivo docente por parte da administración galega é latente dado que, por exemplo, o SERGAS xa ten publicada a convocatoria da OPE para 2023 con todas as categorías desagregadas desde o pasado 7 de decembro.

A CIG-Ensino fará valer o seu estudo por especialidades na negociación 

O sindicato urxe, polo tanto, a non demorar máis a celebración desta Mesa Sectorial, á que levará as cifras de profesorado interino por especialidades que identificou nun estudo elaborado a partir de datos en bruto solicitados á Consellaría. No documento, publicado o pasado 11 de decembro, ponse de manifesto que a taxa de interinidade real en Galiza é do 9,2%, moito maior que a cifra ofrecida polo conselleiro de Educación.

O sindicato lamenta que, malia estarmos nas datas nas que estamos, o departamento de Román Rodríguez non vai ser capaz de levar a cabo a identificación, que recolle expresamente no Acordo sobre condicións de traballo do persoal interino asinado cunha minoría sindical das prazas estruturais que deben ser convocadas para cumprir coa Lei 20/21. Esta diferenciación entre estruturais e non estruturais (aquelas que sendo cubertas por persoal temporal teñen unha persoa titular) é fundamental para que non se volvan producir as altas taxas de temporalidade que levaron á UE a condenar as administracións do Estado español a decretar medidas para reducilas.

Tal e como se pode ver na imaxe anexa, hai unha disparidade importante entre os distintos corpos na relación existente entre interinidades e prazas convocadas. Mentres no caso do corpo de mestras a oferta está próxima ao total de persoal interino (sen contar a especialidade de Orientación), nos corpos de PES, EOI e PESSFP a proposta limítase ao 50% das prazas actualmente ocupadas por persoal temporal.

Con todo, e á espera de coñecer realmente as cifras de xubilacións, defuncións, cómputo do concurso de traslados… semella que as cifras anunciadas na OPE non recollen o máximo da taxa de reposición do ano 2022 (na que non houbo oposicións ordinarias) e do ano 2023, polo que o número total de prazas a ofertar podería ser bastante superior.

Volver