A CIG obtén a totalidade da representación nas contratas de mantemento das vías do Concello da Coruña

A central nacionalista faise con todos os delegados no grupo Rivas Boquete

A Coruña -

A CIG fíxose cunha vitoria histórica nas eleccións sindicais celebradas nas empresas construtoras Manuel Rivas Boquete e Erfinco, que xuntan uns 70 operarios/as que se ocupan das infraestruturas viarias do Concello da Coruña e varias contratas máis de augas no Concello e na súa comarca.

En Rivas Boquete, eleccións celebradas o mércores día 10, participaron 36 operarios dos que 34 escolleron a papeleta da CIG, por só un voto para cada central española UGT e CCOO. Isto supón que a CIG se fixo cos 4 postos do comité a elixir no colexio de operarios, obtendo tamén o único representante en xogo no colexio de técnicos con 7 votos.

En canto a Erfinco, cuxo proceso se celebrou o mes pasado, a CIG tamén se fixo co único representante a elixir, con 8 votos.

Para a FCM-CIG da Coruña estes resultados supoñen a constatación da vontade unánime do persoal de relevar nesta empresa a UGT "tras 4 anos de total inoperancia", no que ostentou a totalidade dun comité que non chegou nin a constituír.

Por outra parte, desde a Federación de Construción valórase que este resultado tamén "é froito do cansanzo do persoal do sector coa maioría sindical no convenio conformada por UGT e CCOO, e que o leva xa a acumular unha perda de poder adquisitivo do 7,65% desde 2021 pola renuncia ás cláusulas de revisión salarial, e a obriga de ceder parte dos seus salarios a un Plan Privado de Pensións en man da banca e patronal".

Volver